As orquestras Panorama e Charleston actuarán este venres no primeiro Cuntis Fest
Por Redacción
Cuntis celebrará este venres 4 de novembro do primeiro Cuntis Fest, un festival no que a orquestra Panorama será a actuación estelar. A partir das 21.30 horas da noite, diante do pavillón, subirá ao escenario primeiro o grupo Charleston Big Band para a continuación dar paso á orquestra sempre de moda que este verán renovou a súa capacidade de mobilización.
A Cuntis Fest estaba programada para principios do verán, no mes de xuño, pero a súa celebración suspendeuse por causas meteorolóxicas.
A Panorama chegará a Cuntis con moitas ganas de ofertar espectáculo e diversión, recuperando o ritmo verbeneiro que frenou a pandemia.
O alcalde, Manuel Campos, confía en que o evento, que foi suspendido o ano pasado pola situación sanitaria, contribúa a que o sector hostaleiro rexistre unha fin de semana activa e dinámica.
De feito, Manuel Campos convida á veciñanza da contorna a aproveitar a Cuntis Fest para descubrir a oferta gastronómica e de tapas que oferta a hostalaría do municipio. "A idea coa que nace este evento é a de dinamizar a hostalaría local, de feito falámolo co sector en varias reunións que tivemos", explica Manuel Campos, que engade que Cuntis ten moito que ofrecer.
"Temos un patrimonio cultural extenso e moi fermoso e uns recursos termais de gran valor. Encantaríame que este evento servise tamén para que as familias, parellas ou grupos de amigos planificasen unha fin de semana aquí, para bailar coa Panorama; comer e durmir aquí, e mesmo facer algunha das rutas que propoñemos desde la Oficina de Turismo para coñecer un pouco máis do noso municipio", afirmou Campos.