Cheques de 100 euros para as familias de Ponte Caldelas con poucos recursos
Por Redacción
As familias empadroadas e residentes en Ponte Caldelas con poucos recursos teñen aberto o prazo para solicitar os cheques de axuda para compra de comida e produtos de primeira necesidade.
O Concello vai entregar cheques de 100 euros para gastar en Supermercados Froiz, que as familias beneficiarias poderán canxear en alimentos de primeira necesidade e tamén en produtos básicos de hixiene persoal e doméstica.
A entrega da documentación para realizar a solicitude debe facerse nos Servizos Sociais do Concello e só poderán acollerse aquelas familias que entran dentro do Baremo Económico do Regulamento de Emerxencia Social Municipal. Hai que aportar documentación de toda a unidade de convivencia e os cheques iranse entregando por orde de solicitude, sempre e cando se cumpran todos os requisitos.
"Axudar ás veciñas e veciños do municipio con poucos recursos é algo imprescindible", sinalan dende o Goberno local "por iso, ano a ano, o Concello de Ponte Caldelas trata incrementar esta partida".
INSTALACIÓN DA NUMERACIÓN
Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas iniciou a instalación da numeración en todas as vivendas do municipio, unha iniciativa que homexeneizará a sinalización dos fogares e que, ó mesmo tempo, facilitará notablemente a labor do servizo de Correos e das empresas de paquetería e de reparto a domicilio.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca o intenso traballo dos últimos meses para facer realidade esta iniciativa que sinalizará as máis de 3.000 viviendas do municipio. As placas están confeccionadas en material resistente á chuvia e teñen un tamaño de 15x15 centímetros. Contan cun moderno deseño no que o fondo de cor mostaza se combina con números en cor blanca e letras en azul. En cada placa figurará o número da vivendas, a aldea na que se ubica e o escudo do Concello de Ponte Caldelas.
Os traballos comezaron polo lugar de O Ramís, na parroquia de Anceu, e a sinalización realizarase de xeito ininterrumpido en todas as vivendas de Ponte Caldelas. A empresa instaladora acordará con cada propietario a ubicación da placa.