Comezan as obras de mellora da mobilidade na Rúa Lepanto de Ponte Caldelas
Por Redacción
A Deputación vén de iniciar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-0407, en Ponte Caldelas.
Estes traballos, que este mércores visitaron o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde Andrés Díaz, teñen un orzamento de 193.000 euros que serán financiados integramente pola institución provincial, xa que o 30% de aportación municipal prevista no convenio entre ambas administracións asumirase cunha achega do Plan Concellos.
A actuación desenvólvese nun tramo de 225 metros da citada estrada provincial no casco urbano. Arranca na rúa Lepanto e continúa pola explanada do aparcamento do Centro de Saúde.
O tramo da citada rúa deséñase con plataforma única, garantindo un ancho mínimo de 2,50 metros. Dende a intersección coa Avenida de Galicia ata o punto final da actuación habilitarase un espazo peonil con lousa de granito e bordo do mesmo material para que as persoas poidan camiñar tamén con seguridade. A zona quedará dotada con pasos de peóns elevados.
Os traballos complétanse con actuacións de xardinería, co soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións agora en aéreo, así como a execución dunha nova rede de alumeado con luminarias LED de alto rendemento.