Así golpeou o temporal a cidade de Pontevedra
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A borrasca 'Béatrice' que afecta a toda a provincia desde este sábado deixou unha noite complicada para os servizos de emerxencias en toda a comarca, tendo especial impacto en Pontevedra. O momento máis crítico foi entre as 4.30 e as 5.30 horas, cando os fortes ventos botaron abaixo árbores e postes e levaron por diante lonas e chapas de tellados e fachadas.
Entre a tarde do sábado e as 16.00 horas deste domingo, os servizos municipais de emerxencias tiveron constancia varias decenas de incidencias, que tiveron especial impacto en zonas como A Xunqueira, Campolongo e a rúa Ramón Otero Pedraio.
Na tarde do sábado, os fortes ventos causaron a caída dun valado en José Malvar e doutro, neste caso de obra, entre as rúas Ponte e Barón.
Ademais, houbo caídas de árbores na rúa Dinamarca e na rúa Ramón Otero Pedraio. Neste caso, obrigou ao peche da rúa durante o tempo que se tardou en retirar os restos.
Tamén durante a tarde houbo constancia dunha balsa grande de auga en Martín Códax e da caída dun muro en Freixeiro.
Xa pola noite, houbo caídas de árbores e ramas nas rúa Portugal e Francia de Monte Porreiro, na zona de San Roque e Corvaceiras, no túnel de campus con Francisco Asorey e, de novo, en Ramón Otero Pedraio. Nesta última rúa, caeu sobre tres vehículos estacionados.
Durante a madrugada tamén houbo un apagamento de alumeado público en varias zonas da cidade, entre elas, Pintor Laxeiro, García Filgueira, a avenida de Bos Aires e Cruz Vermella.
O forte vento tamén moveu colectores nas rúas Loureiro Crespo, Joaquín Costa, Travesía da Eiriña, Iglesias Vilarelle, a avenida de Uruguai e Manuel del Palacio, entre outras.
Tamén resultaron afectados distintos valados nas rúas Rafael Areses, José Malvar e Diego Sarmiento de Acuña.
Os bombeiros tamén tiveron unha intervención nunha casa de Santo André de Xeve na que, sobre as 4.30 horas, o vento levou a lona que cubría un tellado en obras. Os bombeiros tiveron que axudar a un matrimonio de idade avanzada a saír da vivenda.
O vento tamén tombou un poste en Lourizán, na estrada vella de Marín, e provocou a caída de árbores na estrada entre Pintos (Marcón) e A Reigosa (Ponte Caldelas) e, no límite con Arcade (Soutomaior), unha árbore cortou os dous carrís da estrada N-550 durante tres horas da pasada madrugada. Sucedeu á altura da antiga fábrica de Pontesa, segundo confirmaron os bombeiros de Pontevedra.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, hai constancia da caída preto das 04:30 horas e desde a Garda Civil de Tráfico fíxose fincapé na necesidade dunha rápida retirada do obstáculo, polo que desde o 112 coordinouse a actuación da Policía Local de Pontevedra, de Protección Civil de Soutomaior e dos servizos de mantemento das estradas, que procederon a cortar a árbore. Ás 07:30, o tráfico estaba aberto de novo.
Esta intervención coincidiu no tempo coas máis graves rexistradas na cidade de Pontevedra e por iso é polo que foi necesario que se desprazaran á zona os voluntarios de Soutomaior. Cando os bombeiros pontevedreses chegaran ao lugar, o servizo de mantemento de estradas xa se estaba a encargar da situación.
Coa chegada do día continuaron as incidencias. Durante as primeiras horas da mañá resultaron especialmente rechamantes a rotura de lona na carpa situada na traseira do pavillón municipal con motivo do mundial de Loita e a caída da fachada dun edificio de nova construción na rúa Río das Leitugas.
Tamén houbo bolsas de auga en Campolongo, Augusto García Sánchez e a avenida de Bos Aires e caída de valados de valados en zonas como Joaquín Costa (confluencia das rúas Río das Leitugas con Doce de novembro), Pintor Laxeiro ou José Malvar
En canto á caída de árbores, unha caeu sobre o alumeado público nas inmediacións de Montecelo, outra sobre unha beirarrúa en obras na avenida das Corvaceiras, outra no paseo dos Gafos en María Vitoria Moreno (fronte a pinturas Thor) e unha en Salcedo, no lugar de Cabanas..
Tamén houbo intervencións por caída de cascotes en rúa Nova de Arriba, por unha lona publicitaria solta dun valado da avenida de Compostela, polo perigo de caída de uralita na rúa Alta e pola caída de uralita e restos de tellado en María Vicoria Moreno.
Relacionadas:
-
As intensas choivas provocan o sexto desbordamento do Gafos desde outubro
Por Redacción |
-
Peche ao tráfico da rúa Francia de Monte Porreiro este mércores 26 de outubro
Por Redacción |
-
Pontevedra mostra o seu plan de acción para renaturalizar a contorna dos ríos e loitar contra a emerxencia climática
Por Manu Otero |
-
Árbores, farois e postes caídos e infinidade de incidencias máis por Beatrice na comarca
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Pequenas incidencias pola borrasca Beatrice, que mantén o litoral de Pontevedra en alerta laranxa
Por Redacción |