O primeiro centro BTT de Galicia atópase no Salnés
Por Redacción
Centros BTT Galicia é un proxecto a medio prazo impulsado pola Xunta que pretende dotar a Galicia dunha rede de centros para a práctica con bicicletas todo terreo (BTT).
Trátase dun novo produto que incentiva o desenvolvemento turístico sostible e respectuoso co medio e que axudará a desestacionalizar os fluxos turísticos.
Un Centro BTT é un espazo ao aire libre, deseñado e preparado para usuarios das bicicletas todo terreo, que posibilita o coñecemento do medio rural e natural a través da práctica da bicicleta de montaña.
CENTRO BTT O SALNÉS
A Comarca do Salnés conta co primeiro Centro BTT aberto en Galicia, que parte do concello de Meis e se estende polos veciños de Ribadumia, Meaño, Sanxenxo e Poio: o Centro BTT O Salnés.
O punto de acollida localízase no Campo de Golf de Meis, a 15 km de Pontevedra e a 75 de Santiago de Compostela. Dende Meis son varios os percorridos que discorren por esta fermosa comarca coñecida polas praias de fina area branca, bosques de ribeira, o viño albariño e os variados mariscos de gran calidade.
O Centro BTT O Salnés ofrece 10 rutas para todos os niveis aínda que se destacan os itinerarios esixentes ao redor do Monte Castrove que poñen a proba as forzas e destrezas dos ciclistas, polo que é ideal para expertos da BTT.
Nas rutas máis accesibles destaca a do Circuíto do Monte da Escusa con saída e chegada no Campo de Golf e con fermosas vistas panorámicas sobre as rías de Arousa e Pontevedra.
A partir do Centro BTT O Salnés fóronse creando en Galicia catro centros máis para a práctica con bicicletas todo terreo (BTT): Centro BTT Portas de Galicia no xeodestino de Verín-Viana; Centro BTT Serra do Xurés localizado no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés entre os concellos de Muíños e Lobios; Centro BTT Ribeira Sacra situado no Canón do río Sil, no límite das provincias de Lugo e Ourense; e o Centro BTT Allariz-Vilar de Santos delimitado polos ríos Arnoia en Allariz e o Limia ao sur de Vilar de Santos.
RUTAS DO CENTRO BTT O SALNÉS
R1 - Circuíto do Monte da Escusa: comeza xunto ao punto de acollida e rodea o Campo de Golf. Ao longo do percorrido pódese gozar de panorámicas das rías de Pontevedra e Arousa, así como das serras do Morrazo e Barbanza. Unha parada obrigada é a área recreativa O Castro (Poio).
R2 - Ruta dos Muíños de Armenteira: a ruta une os muíños de Barrantes (Ribadumia) co Mosteiro da Armenteira (Meis) e coincide en moitos tramos coa Ruta da Pedra e da Auga. Desde os muíños de Barrantes ascéndese a carón do río Armenteira ata pasar polos muíños do Serén e polo conxunto de "Aldea Labrega" (Meis). Continúa ata a aldea de Silván e, tras un curto trazado por asfalto, chega ao Mosteiro.
R3 - Ruta dos Outeiros de Silván: arranca xunto ao río e o Mosteiro da Armenteira. Trazado curto pero levemente complicado no inicio e na fin. Achégase ás casas de Vilar ata internarse dentro do bosque da Cova do Raposo e desembocar nos Outeiros de Silván, onde entre as árbores ábrense verdes vales, paisaxes vitivinícolas e bosques perennes.
R4 - Circuíto do Val de Meis: iníciase na área recreativa de San Tomé de Nogueira e continúa xunto aos regatos de San Tomé e de Manela. Avanza entre a concentración parcelaria e a autovía do Salnés ata chegar a San Salvador de Meis. Segue ao carón dos regos de San Martiño e de Campo Ladrón, subindo pola aba da Pedra da Valada cara ás ladeiras do Monte da Escusa. Regresa ata o Monte de Arcos e final nos muíños de Arcos.
R5 - Ruta da Chanca: desde o Mosteiro da Armenteira a ruta atravesa Valdedeus e Valboa. Logo descende polo bosque ata o nacemento do río da Chanca (Meaño) e ascende ao Outeiro de Valdedeus, mentres atravesa as fontes do río Armenteira. O regreso ao mosteiro faise en descenso a través dos camiños de Caroi.
R6 - Ruta do Monte San Martiño: ao inicio coincide coa ruta 4 na beira do rego de San Tomé, sepáranse antes de chegar á igrexa parroquial para encarar un percorrido urbano por Mosteiro. Continúa xunto aos regos de San Tomé e Manela e o río Cañón. A continuación, as aldeas de Quintáns e A Pubuxeira, para logo encarar as costas do monte de Zacande, anticipo do monte San Martiño e as vistas do val de Meis, con descenso final cara a Guimeráns e Arosa.
R7 - Panorámica do Monte Castrove: desde o río San Tomé, na área recreativa de Arcos, a ruta ascende polo monte Castrove. No alto divísase o monte Xiabre, as terras de Barro, Moraña ou Cuntis, e o monte Xesteiras. Chegando a Pousadoiro a ascensión é máis suave ata Porteliña dos Lagos. Rodea a ruta o cumio do monte para descender de regreso a Arcos.
R8 - Ruta de Bordóns: parte desde San Pedro de Bordóns (Sanxenxo) e chega a Chan de Gorita, con vistas da ría de Pontevedra. A ruta entra no concello de Meaño e pasa por Chan do Couto, onde cruza a estrada que vai á Armenteira. O camiño alcanza O Busto e o petróglifo do Outeiro do Cribo. Conecta coa ruta 5 no Outeiro de Valdedeus e prosegue ata a Tomada da Sobreira, onde descende ao Mosteiro da Armenteira.
R9 - Vistas de Arousa: desde a Igrexa de Santa María de Simes a ruta ascende xunto ao río da Chanca e conecta coa que vén da Armenteira. Continúa ata o Castro de Vara, en paralelo coa autovía. Descende ata os muíños do rego de Fofán e ascende cara San Cibrán. Desde o miradoiro, as vistas da Lanzada, O Grove, Cambados e as illas de Arousa e A Toxa. Tras descender uns tres quilómetros, remata xunto á ruta 2 e a senda da Pedra e da Auga.
R10 - Circuíto do Campo Ladrón: conecta coa ruta 7 no inicio e coa ruta 1 chegando ao lugar da Escusa. Logo descende por Campo Ladrón, cruza o rego do mesmo nome e empata coa ruta 3 por riba de Silván. Chegando á Armenteira converxe con máis rutas. Prosegue polos Outeiros de Silván, cruza o rego de San Martiño e bordea O Pousadoiro para retornar atravesando o monte da Xesteira.