Alerta laranxa por temporal costeiro na provincia de Pontevedra
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a últimas horas da xornada deste mércores con vento do sur e suroeste de forza 8 e mar combinada con ondas de ata 6 metros no oeste, suroeste e noroeste da costa coruñesa e en todo o litoral de Pontevedra.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
Precisamente, este servizo informou que no período comprendido entre as 18:00 horas do martes e as 08:00 horas deste mércores a tipoloxía máis repetida das incidencias xestionadas no 112 Galicia foi a de árbores caídas nas estradas. En total, o 112 Galicia rexistrou 63 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa, das que 35 tiveron que ver coa caída de árbores e ramas nas vías de circulación, ademais doutros obstáculos.
En Vilagarcía houbo un corte durante dúas horas da avenida Rosalía de Castro por acumulación de auga e a caída dunha árbore na rúa San Andrés afectando a tres vehículos.