Pontón denuncia que o Goberno do PP ten unha estratexia deliberada de peche progresivo dos PACs de atención primaria
Por Redacción
A portavoz nacional, Ana Pontón, denuncia que "o Goberno do Partido Popular ten unha estratexia deliberada de peche dos PACs" como un paso máis no "desmantelamento" da atención primaria.
Sinalan que, pese a multitudinaria manifestación do pasado venres en Vilagarcía, esta mesma fin de semana volvían quedar sen servizo médico os puntos de atención continuada en concellos da comarca do Salnés e Pontevedra como Sanxenxo, O Grove, Marín, A Parda ou Baltar.
"O PP ten que escoitar o clamor social en defensa da sanidade pública que está dicindo basta xa de recortes e de deterioro e teñen que rectificar, pero lonxe de escoitar á cidadanía segue instalado na súa habitual prepotencia e quere normalizar que teñamos centros de saúde ou urxencias de primaria sen facultativo e iso é unha barbaridade", criticou Pontón.
A líder nacionalista advertiu contra a estratexia dos populares "de deteriorar os servizos de urxencias en primaria para despois xustificar o seu peche, poñendo en risco a saúde dos e das galegas".
A portavoz do Bloque denunciou que "o PP segue ancorado na soberbia" nunha das cuestións que máis preocupan á cidadanía, "ignorando o que reclama a maioría social que quere unha sanidade pública de calidade e sen listas de agarda", e advertiu que "nin o BNG nin a sociedade imos asumir que se normalicen os recortes e o deterioro en atención primaria, por contra, imos defendela por terra, mar e aire, con uñas e dentes se fai falta, porque estamos falando dun piar do benestar e dunha conquista social".
Pontón tamén foi moi crítica cun Executivo que considera "un luxo" que haxa servizo de pediatría en todos os concellos galegos, pero anuncia un "pelotazo fiscal" para rendas que superan os 6 millóns de euros de patrimonio.
"Un PP ao que se lle enche a boca falando da familia, pero despois considera que os nenos e as nenas deste País non poden ter pediatría no seu concello, no seu centro de saúde máis próximo, que queira normalizar eses recortes e a continuación facerlle un agasallo fiscal de 34 millóns de euros ás 7.700 persoas máis ricas de Galiza, cantidade coa que se podería contratar a 700 médicos en atención primaria", argumentou.
Neste sentido, a líder nacionalista tamén advirte que nin o BNG nin a cidadanía vai aceptar como normal que haxa listas de espera de até dúas semanas para ter cita presencial no centro de saúde, que se agochen as listas de espera nas especialidades, nin dar por inevitable a estratexia de acoso e derribo da atención primaria.
O Bloque rexistrou a solicitude de comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade, para que explique tanto o que pasa no Salnés, "convertida en zona cero do desastre que os recortes provocan en primaria", como no conxunto da Comunidade.
Pontón avanzou, ademais, algunhas das propostas orzamentarias do BNG de cara ás contas públicas de 2023. Entre elas, incrementar nun mínimo do 2,2% os recursos en atención primaria, porcentaxe que significa un investimento adicional superior aos 200 millóns de euros, imprescindible para colocar a Galicia na medida estatal de investimento en primaria. Igualmente, solicita a retirada do pelotazo fiscal de 34 millóns de euros, e destinar eses recursos a reforzar os centros de saúde.
O Bloque tamén propón fortalecer atención primaria con novas especialidades como psicoloxía clínica ou fisioterapia, entre outras.
Relacionadas:
-
Denuncian a carencia de pediatras durante o Nadal en Marín, cunha soa profesional para urxencias
Por Redacción |
-
O BNG volve pedir solucións para o centro de saúde de Marín, no que as Urxencias se viron "desbordadas"
Por Redacción |
-
A CIG denuncia que os PAC da Parda e Baltar non contaron con médico en Noitevella mentres se contrataban ambulancias externas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Suba de impostos ás eléctricas, proposta de Ana Pontón en Pontevedra fronte a crise de prezos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Dezaoito especialistas en atención primaria incorpóranse á área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
O Centro de Saúde de Vilanova xa conta cun novo retinógrafo
Por Redacción |
-
Masiva asistencia á manifestación en defensa da Atención Primaria no Salnés
Por Redacción |
-
A área sanitaria insiste en que están a buscar fórmulas para resolver os problemas na Atención Primaria
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Lores, na presentación do libro sobre os 40 anos do BNG: "temos por diante retos apaixoantes nas vindeiras eleccións"
Por Redacción |