Sobreviventes de cancro saen á rúa con Adicam para reivindicar que "hai vida despois do cancro"
Por María José Pita
Membros da Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico (Adicam) saíron á rúa este mércores 5 de outubro para que todas aquelas persoas que estean a pasar por un proceso oncolóxico propio ou na súa contorna conten con apoio e acompañamento.
Este mes de outubro, a nivel internacional, está dedicado ao cancro de mama. Ao redor da data central, o 19 de outubro, Día do Cancro de Mama, Adicam desenvolverá un amplo programa de actividades para difundir o seu labor e conseguir que ninguén se senta só nunha enfermidade cuxos tratamentos salvan vidas pero requiren unha longa recuperación.
Nas mesas informativas instaladas na praza da Peregrina atopábase María Martínez, traballadora social de Adicam, que explica a PontevedraViva que "para nós é importante que a xente coñeza que en Pontevedra está a traballar unha asociación de cancro de mama e xinecolóxico", xa que se toparon con persoas que xa pasaran a enfermidade e descoñecían que Adicam podía prestarlles o apoio que necesitaban.
– María Martínez, que soe preguntar a xente que se achega a estas mesas informativas?
Adoita achegarse xente que ten ao seu redor algunha persoa diagnosticada, na familia ou un amigo, e lévanlle a información. É verdade que se cadra as persoas que están a pasar polo proceso é complicado que se acheguen, por iso nós traballamos moito co boca a boca. E si que é certo que despois moita xente vén a Adicam porque alguén lle conta que a asociación lle axudou moito.
– Cantas persoas forman parte de Adicam?
Adicam ten catro sedes: Pontevedra, Vigo, Moaña e Cangas, onde nacemos. Contamos cuns 2.000 socios, onde un 25 por cento son persoas diagnosticadas. Adicam durante o ano está a atender sobre 200 pacientes, non todas novas, pero si que está a haber bastantes diagnósticos, e despois a paciente pode estar connosco o tempo que o necesita. Está a facerse un traballo moi bo de rehabilitación, de acompañamento post-enfermidade, porque o tratamento aínda que cura deixa numerosas secuelas. Tamén durante a pandemia recibimos moitas persoas que recaeron de forma psicolóxica, con baixóns anímicos, e volveron a Adicam para seguir apoiados pola psicóloga que lles axudou durante a enfermidade.
– Ademais das psicolóxicas, que tipo de secuelas carrexa o cancro de mama e o xinecolóxico?
Estamos a falar de que a quimioterapia son tratamentos moi fortes, que son importantes porque curan o cancro, pero si deixan secuelas como dores articulares ou problemas de concentración. Son secuelas que en moitos casos teñen que aprender a vivir con elas, con fármacos. E é importante que tamén conten cun recurso que lles axudou durante o tratamento, e atoparse a elas mesmas. Como nós dicimos: hai unha vida despois do cancro. Aquí case todas as persoas que están nas mesas son voluntarias que son sobreviventes de cancro e queren axudar ás persoas que agora, por desgraza, están diagnosticando.
– En Pontevedra tedes a oficina no terceiro piso do edificio azul da Xunta na rúa Benito Corbal, 47, con entrada por Javier Puig Llamas. Unha persoa que se achegue por primeira vez, que se vai a atopar?
En Adicam traballamos a demanda. O importante é o primeiro contacto, onde se toma contacto coa psicóloga, e é bo que a teñan de referencia porque os pacientes vana demandando se a necesitan. Explicámoslle todos os servizos que ofrecemos, como traballo social, nutrición, fisioterapia... Temos talleres de Pilates adaptados para elas, onde poden vir de forma gratuíta os días que poidan. E despois tentamos darlles cobertura ao que vaian necesitando.
Por exemplo, o tema do asesoramento estético é moi importante para elas. Acábanche de diagnosticar e se che fai un mundo tan grande que non sabes onde podes ir buscar unha perruca. E aí imos facilitándolles todas esas cousas. Por tanto, é un acompañamento integral, cun grupo de profesionais que lle van dando apoio en función das súas necesidades, e despois, cando xa empeza a rehabilitación, cando xa pasou o cancro, traballamos con elas no que é a inserción laboral e o apoio psicolóxico.
– Este mes ides desenvolver numerosas actividades, pero hai unha que quererías destacar.
O día 23 de outubro imos facer a gran marcha de Adicam, que é para nós o evento máis importante do ano, que leva o nome de Fina Acuña, que é a que fundou Adicam e que por desgraza deixounos hai uns anos. O que facemos é xuntármonos en Cangas con dúas andainas, unha que sae de Moaña e outra que sae de Bueu. Está convidado todo o mundo, só teñen que facer unha inscrición dixital e únense á marcha. No último ano que a fixemos, o 2019, porque nos últimos anos non se fixo pola pandemia, os medios dicían que xuntaramos a 4.000 persoas e para todos nós é todo un orgullo que a xente nos apoie. Así que animamos a todo Pontevedra que veña a camiñar con Adicam.
Relacionadas:
-
Visibilizando o cancro de mama: "Entendémonos porque todas pasamos polo mesmo"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Risoterapia e autoexploración mamaria, propostas de Adicam para o venres 18
Por Redacción |
-
"Peor que ter un cancro é telo e non saber que o temos"
Por Natalia Puga |
-
Libélulas, mulleres que fan equipo contra o cancro de mama
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A campaña 'Reciclando vidro para ellas' anima á cidadanía a colaborar coa Fundación Sandra Ibarra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama leva atendidas a 8.304 mulleres da comarca no que vai de ano
Por Redacción |
-
Rotondas decoradas con lazos rosas para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama
Por Redacción |
-
Dobrete de bronce para o equipo de Dragon Boat de Adicam en competición europea
Por Redacción |
-
O equipo pontevedrés de Dragon Boat BCS toma rumbo cara o Campionato de Europa
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Diagnosticadas de cancro de mama e competindo na Copa de España de Barco Dragón de Piragüismo
Por Redacción |
-
RADIO.- Olga Sotelo: "A prevención e investigación en cancro seguen adiante, pero aínda hai moito por investigar"
Por Marisa Ciordia |