A Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico, ADICAM, cumpre o seu vixésimo aniversario de actividade. Comezaron o seu labor no Morrazo, pero actualmente e desde fai tres anos tamén dispoñen de sede en Pontevedra e Vigo. Contan ademais con máis de mil setecentas persoas asociadas na provincia.
A súa presidenta, Olga Sotelo Pastoriza, sinala no Cara a cara que "o prinicipal, único e prioritario é a atención ás pacientes e as súas familias" e fano achegando información, asesoramento e apoio a través de diferentes vías. No caso de Pontevedra, a súa sede física abriuse fai tres anos e actualmente atenden a quen o precise, os mércores na súa oficina da Casa Azul de Benito Corbal.
De vinte anos a hoxe, "tratamentos, intervencións e as terapias avanzaron moito e iso supón que aínda que lamentablemente siga habendo falecementos por esta enfermidade hai moitísimos casos nos que se trata dunha enfermidade crónica e isto é porque prevención e investigación seguen adiante, pero aínda hai moito por investigar" apunta Olga Sotelo en PontevedraViva Radio, quen ten tamén unhas palabras de recordo para "a capitá" de ADICAM e a súa fundadora, Fina Acuña.
Destas dúas décadas lembra un momento tan especial como foi a recepción da Medalla Emilia Pardo Bazán que lles entregou a Xunta para recoñecer o labor en favor do benestar da muller en Galicia. "Ademais de sorpresa, foi un orgullo e unha satisfacción por recoñecer o traballo que realizamos e sendo as primeiras que se entregaban", lembra.