Detido un home despois dunha agresión machista á súa ex parella en plena rúa en Vilagarcía
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía detivo na noite deste domingo, sobre as 23.00 horas, un home de 59 anos como autor dun caso de violencia de xénero despois de presuntamente agredir a súa ex parella en plena rúa.
Dúas persoas diferentes chamaron á Policía Local alertando dunha forte discusión entre unha parella na rúa Feira Nova e dunha agresión dun home a unha muller nesa mesma rúa.
Unha patrulla policial desprazouse ao lugar e non atopou a parella, pero fixo unha inspección pola zona e os axentes finalmente detectaron un home e a unha muller tirados no chan e forcexeando nunha zona escura.
Ante a chegada dos axentes, a muller logrou levantarse e achegarse a eles chorando e moi nerviosa. Nese momento, explicoulles que o home era a súa ex parella e que xa a tiña agredido noutras ocasións. El foi detido.
Durante esta fin de semana a Policía Local tamén detivo na noite do sábado un veciño da Illa de Arousa de 29 anos que insultou e agrediu dous axentes policiais.
Os policías déranlle o alto tras detectalo circulando pola cidade nun vehículo que minutos antes tiñan multado por estacionamento indebido en zona reservada para persoas con mobilidade reducida e por carecer do seguro obrigatorio.
Tras intentar fuxir, finalmente o vehículo foi interceptado na Praza Doutor Carús.
O condutor negouse reiteradamente a identificarse, insultou e ameazou os axentes e saíu do coche en actitude moi agresiva, empurrando un deles e propinándolle un golpe nun ollo.
Ante os intentos de reducilo, o individuo opuxo "resistencia activa grave", golpeando aos dous axentes. Varios mozos que estaban na zona dificultaban a detención, por iso é polo que requiriron o apoio dunha segunda patrulla.
Froito dos golpes recibidos, os dous axentes sufriron lesións e precisaron atención médica. O detido tamén foi atendido no centro de saúde e posteriormente trasladado á Comisaría da Policía Nacional.
Os axentes tamén fixeron constar a imposibilidade de terlle practicado o test de alcoholemia e que presentaba signos externos de atoparse baixo os efectos do alcohol ou do consumo de sustancias estupefacientes.
Tamén na noite do sábado, xa na madrugada do domingo, os axentes de Vilagarcía detiveron a Rúa Avelina Nogueira un home que tiña en vigor unha requisitoria de detención e presentación ante o Xulgado do Penal de Vigo. Tiña nese momento enriba catro bolsas de cocaína.
Relacionadas:
-
Detido un pontevedrés por maltratar a súa parella en plena rúa en presenza dos seus fillos
Por Redacción |
-
Unha explosión rebenta unha tenda de patinetes en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Interceptan un condutor sen carné que facía a diario o mesmo percorrido por dirección prohibida
Por Redacción |
-
Investigan os actos vandálicos contra a exposición de 'Festivala. Mulleres creando'
Por Redacción |