O Liceo Mutante busca novo local para seguir a súa actividade "non molestando a ninguén, coma sempre fixemos"
Por Natalia Puga
Se coñeces algún local que poida servir para a reapertura do Liceo Mutante de Pontevedra, os impulsores da iniciativa agradeceríanche que te poñas en contacto con eles. Podes facelo tanto no correo electrónico liceomutante@gmail.com como a través do seu perfil de Instagram.
O novo espazo debe reunir varios requisitos, entre eles, ter unha renda barata "ou polo menos razoable", ter "certa amplitude" e que permita unha ocupación similar ao local anterior e tamén que se atope na contorna da cidade de Pontevedra.
Tamén necesitan que sexa un local no que non sexa necesario realizar tarefas de insonorización profesional e no que non se moleste a ninguén as veces que se poida facer algo de ruído.
O propio Liceo Mutante deu a coñecer a través desta rede social que están a buscar nova sede, pois, despois do cese de actividade acordado polo Concello de Pontevedra, déronse conta de que teñen que cambiar de sede.
A súa intención é poder continuar co seu cometido, ser "plataforma para facer eventos culturais que consideramos lexítimos e necesarios" de forma regular e "non molestando a ninguén, coma sempre fixemos".
O Liceo Mutante tivo que cesar a súa actividade a finais de 2021 por orde do Concello de Pontevedra despois dunha serie de denuncias presentadas por un veciño contra o local.
Desde o Liceo insisten en que este veciño "nin sequera reside no barrio" e explican que levan tempo loitando contra este cese, pero non conseguen a reapertura.
Segundo explican, desde o Concello de Pontevedra respóndenlles que o local no que exercían a súa actividade na rúa Rosalía de Castro é ilegal e "despois de 11 anos non temos dereito nin a intentar revogar esta situación".
Ademais de insistir que consideran que esta situación é "unha grande inxustiza", recoñecen que xa non poden seguir "remando", por iso é polo que decidiron buscar outro local.
Relacionadas:
-
O Liceo Mutante, na busca de mecenas para financiar a reforma da súa "prometedora" nova sede
Por Alejandro Espiño |
-
'Chao Mollabao', a festa que Liceo Mutante organiza para despedirse do barrio
Por Anxo Lourido |
-
Ordenan o cese de actividade do Liceo Mutante, que denuncia unha "campaña de acoso"
Por Natalia Puga |
-
O Cineclube Pontevedra e o Liceo Mutante unen forzas no ciclo Cinema no Xardín
Por Redacción |
-
¡Qué desilusión!: "Se alguén non vén a vernos por diñeiro, deixámoslle pasar gratis. Que non sexa motivo para non vir a un concerto"
Por Alejandro Espiño |