O Cineclube Pontevedra e o Liceo Mutante unen forzas no ciclo Cinema no Xardín
Por Redacción
Chega o verán e agroman actividades que buscan ofrecer propostas de lecer ao aire libre. É o caso do ciclo Cinema no Xardín, que impulsarán de forma conxunta o Cineclube Pontevedra e o Liceo Mutante.
O xardín do Liceo Mutante acollerá a proxección de cinco sesións de cine, todas elas ás 22.30 horas, ás que se poderá asistir de balde e nas que os organizadores contarán coa presenza dalgún dos seus directores.
O ciclo comezará este xoves 12 de xullo coa emisión do documental Fóra, dirixido polo xornalista Rodrígo Cota. É un proxecto audiovisual que pretende recompilar a historia da oposición ao complexo das factorías de Ence e Elnosa na súa actual localización.
O documental dá voz aos principais protagonistas da oposición a Ence dende as súas orixes ata hoxe e ofrece decenas de documentos inéditos, así coma o testemuño de moitas das persoas que participaron na loita contra as factorías.
O venres 20 de xullo será a quenda de Mulleres da Raia e Palmira, dous documentais dirixidos por Diana Gonçalves.
Mulleres da Raia é unha viaxe ás fronteiras do norte de Portugal e Galicia. O contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras, aproveitando a proximidade do país veciño. A Raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas e protagonistas.
Palmira, pola súa banda, retrata a vida unha das protagonistas de Mulleres da Raia, unha muller centenaria coa que a directora mantivo encontros durante cinco anos.
O ollo imperativo, documental de María Ruido, será a proposta para o martes 24 de xullo. Producido en Marrocos, proponse como reflexión transversal sobre o papel que o réxime da visualidade adquire dentro dos procesos decoloniais e neocoloniais, entendidos estes non só exclusivamente como formas de explotación político-económica senón como un pensamento abismal que domina o mundo e que non cesa.
Unha sesión de curtametraxes galegas será a protagonista do xoves 26 de xullo. Proxectaranse as pezas Uluru, de Alberte Pagán; Rapa das Bestas, de Jaione Camborda Coll; Quiasma, de Tono Mejuto; Montañas ardientes que vomitan fuego, de Helena Girón e Samuel Delgado; e M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite, 1983-1987), de Ángel Santos.
Cinema no Xardín concluirá o martes 31 de xullo con Le Mépris, de Jean Luc Godard. Co pretexto argumental dunha obra de Moravia, Godard reflexiona sobre o home e o cine nun filme que el mesmo explica como a historia da xente que se mira e se xulga a si mesma e que, ao tempo, é contemplada e xulgada polo cinema.