¡Qué desilusión!: "Se alguén non vén a vernos por diñeiro, deixámoslle pasar gratis. Que non sexa motivo para non vir a un concerto"
Por Alejandro Espiño
En pouco máis de 24 horas ¡Que desilusión! subirase ao escenario da Praza de España. Será o primeiro grupo pontevedrés en abrir os concertos das Festas da Peregrina. ÿ un dos grupos da escena musical de Pontevedra con maior proxección. Foron os elixidos no certamen 15 Bolos. Unha cuestión de sorte, como recoñece Charlie, o seu guitarrista "porque en Pontevedra hai cinco ou dez grupazos que poderían estar aí e estarán algún día".
El é un dos dous 'alma mater' da banda. Ao outro, Adrián (voz e guitarra) coñeceuno mentres estudaban en Santiago. Os últimos en chegar foron Alberte (baixo) e Rubén (batería). Este é un verán moi especial para eles porque ademais de telonear a Mago de Oz (sábado 10 de agosto, 22.30 horas) tamén tocaron no festival SonRías Baixas (Bueu). "As dúas oportunidades máis grandes que tivemos ata agora", explica Adrián.
Se vos parece, empecemos polo principio. Como nace Qué desilusión?
Charlie: Adri e eu estabamos estudando en Santiago. Coñecémonos e empezamos a ensaiar na súa casa. Alí compuxemos as primeiras cancións. Pensamos en montar un grupo e buscamos un batería e un baixista. Así chegaron Rober e Luís, que viña desde Pontevedra para ensaiar. Pouco despois, por obra e maxia do destino acabamos en Pontevedra. Eu xa era de aquí e Adri veuse a vivir. Alberte entrou no grupo logo de marcharse Luís, que se tivo que ir a Londres a traballar. Para o batería virse éralle imposible e tivemos que buscar outro, logo outro e ao final chegou Rubén. Esa é a historia. Unha amizade entre dous rapaces que coinciden e co tempo vaise profesionalizando ata acabar onde estamos.
Tivéchedes sempre claro o estilo de música polo que queriades apostar?
"Sempre escoitamos a Barricada, Rosendo, Los Enemigos, Platero y tú, todo isto que se chama rock estatal ou rock urbano. E foi o que nos saía"
Charlie: ÿ o que sempre escoitamos e o que sempre fixemos. Sempre escoitamos a Barricada, Rosendo, Los Enemigos, Platero y tú, todo isto que se chama rock estatal ou rock urbano. E foi o que nos saía. Se tivésemos que tocar jazz, por moito que nos puxésemos non nos ía a saír. A nós saíanos este rock que facemos, un rock da rúa. Sempre fixemos isto. As cancións que xurdiron naquel piso son as que están gravadas neste CD. E as que están saíndo agora no local de ensaio, serán as seguintes.
Adrián: Pódenos saír un tema un pouco máis diferente que outros, pero o grupo ten ese son, ese rock clásico máis estatal e aínda que tiremos cara a outro estilo máis americano, ao final acabamos volvendo a ese son. Pode que variáramos a rítmica un pouco, sobre todo coa entrada de Alberte e Rubén que nos leva cara a un son máis internacional. Veunos ben porque marcas certa diferenza, pero sempre soamos a rock estatal.
Imaxínome que, como cada grupo similar ao voso, os inicios foron complicados. Equivócome?
Adrián: Todos viñamos doutras bandas e sabiamos un pouco o que había, pero todo inicio é duro porque conseguir medios e ter un bo equipo é difícil. Ter disponibilidade para ensaiar é difícil porque un estuda, o outro traballa... é difícil cadrar horarios. E poder manter un local de ensaio é igual de complicado. E iso que nós tivemos sorte ao atopar un local de Barro que nos sae gratis.
Charlie: Crear un grupo é fácil, xuntas a catro amigos e empezas a tocar. O difícil é mantelo cos anos. Vaise unha persoa e tes que buscar a outra e non hai nada máis difícil que lograr que volva funcionar o grupo. ÿ desesperante. E logo chegan os discos, os concertos... ÿ duro económica e persoalmente. Perdes de facer moitas cousas, aínda que o compensas co que che dá a música. ÿnchenos, dános o que nos fai mellores persoas.
"Ter un grupo é duro económica e persoalmente. Perdes de facer moitas cousas, aínda que o compensas co que che dá a música"
O ano pasado graváchedes o voso primeiro disco, A golpe de alfil. Sentíchedes que era o momento adecuado, que tiñades material suficiente?
Adrián: Gravámolo en febreiro do ano pasado. Chega un momento no que sentes a necesidade de que tes que gravar un disco. ÿ o paso que debes dar se queres pasar do circuíto de pequenos bares e empezar a tocar en salas e festivais. Hai moitos grupos, a competencia é moi grande e era necesario telo. Gravámolo en dous días, porque tiñamos pouco diñeiro. Metémoslle moita caña e quedou bastante ben. Á xente gustoulle. Tivemos moita sorte porque non é fácil ter tanta repercusión cun primeiro disco.
Trala gravación do disco chegaron ao grupo primeiro Alberte e logo Rubén. Adaptástesvos ben á dinámica da banda?
Alberte: Eu cando entrei foi xusto cando acababan de gravar o CD. Pasáronmo, aprendinme as cancións e pista. Non houbo maior problema. Unha vez están gravadas as cancións só tes que aprendelas e listo. Non hai máis. Eu xa viña doutros grupos e sabes como é a mecánica. Simplemente había que tirar para adiante.
Rubén: Evidentemente cando hai algo gravado e chegas ti, tes algo de medo de ver que lle parece o teu traballo á xente. Sempre te fas esa pregunta cando entras nunha banda que xa está formada. A min o disco encantoume, tiña un son que me gustaba e todas as cancións eran orixinais. Por iso tamén me metín con eles. E agora que entro eu hai un traballo a asumir pola miña banda, que as baterías do seguinte disco soen igual de ben.
Agora que o grupo consolidouse e tendes xa certo recoñecemento, como afrontades o futuro?
Adrián: Temos pensado gravar outro disco para primavera ou verán do ano que vén. ÿ importante estar aí. Hai grupos que gravan un disco e logo desaparecen un par de anos. Nós cremos que o mellor é seguir tocando todo o que poidamos e ver se temos sorte e sacamos algunha data máis en salas grandes ou festivais.
"Temos pensado gravar outro disco para primavera ou verán do ano que vén. ÿ importante estar aí"
ÿ difícil entrar nese circuíto?
Adrián: No de festivais? Si, moito. A ver se agora coas producións que temos no verán, que xa son máis grandes, chegamos a máis xente e resúltanos algo máis accesible. Ao final todo se resume en moverse, coñecer xente que vaian falando de ti e poder ter un acceso máis fácil.
Moitos artistas quéixanse de que a crise económica fai que os promotores cada vez arrisquen menos. Para grupos emerxentes como o voso será un hándicap brutal...
Adrián: ÿ unha cousa moi de aquí, pero creo que leva pasando uns 30 anos. Hai grupos que teñen que estar sempre como Rosendo, Barricada, Obús, Barón Rojo, Boikot. Reincidentes... ÿ case seguro que vas ir a un festival e van tocar un par deles. Moitos promotores non arriscan. Poden pensar hai aí uns rapaces que tocan moi ben, pero tráenme a 100 persoas. E se traio aos outros, a dous mil ou tres mil. E aí está o problema. Pero están xurdindo moitos grupos e parece que empeza a renovarse, que fai falta.
Todos os concertos serán importantes para vós, pero hai dúas datas que marcariades en vermello no calendario: o SonRías Baixas e o concerto con Mago de Oz.
Adrián: Son as dúas oportunidades máis grandes que tivemos ata agora. Nunca tocamos con grupos tan grandes. Por unha banda, non contabamos coa oportunidade do SonRías. Decidiron que había que facer unha festa de presentación e que mereceriamos estar nela. E o de Mago de OZ, é a hostia. Estamos falando dunha produción moi grande.
Alberte: E ademais, con respecto ao concerto de Mago de Oz, Adri non que é de O Barco, pero nós somos de Pontevedra de toda a vida. Desde pequenos iamos aos concertos da Peregrina e diciamos cando empezamos a tocar, tocar aquí sería impresionante e agora imos cumprir ese soño. Non hai palabras.
Moitos vos sinalan como un dos grupos emerxentes con maior proxección de Pontevedra. Esa etiqueta suponvos unha presión engadida?
Charlie: Non creo que sexamos o grupo de maior proxección de Pontevedra. Se cadra do noso estilo pois si, pero tampouco hai moitos grupos que fagan rock urbano. Pero logo hai grupos que cantan en inglés ou psicodélicos como The Grave Dolls, Thee Blind Crows, Salvation Army... son grupazos que poderían estar aí e van estar. Algún día estarán. Agora mesmo en Pontevedra hai cinco ou dez grupos que poderían estar nese escenario con Mago de Oz. Eu valóroo como un factor de sorte. Para o ano van estar outros.
Sexa como sexa, o certo é que Pontevedra converteuse en berce dun gran número de bandas de gran calidade, grupos que con poucos medios e moito esforzo estanse abrindo un oco...
Charlie: ÿ lei de vida. Houbo un grupo de xente que co Local de Música empezou a ensaiar e creouse unha especie de comuna musical. Somos grupos que nos coñecemos e apoiámonos en todo o que necesitemos. O de Pontevedra eu nunca o vira. Levo 22 anos vivindo aquí e nunca vin este boom de grupos, mozos de entre 18 e 35 anos con tanta calidade.
"Desde pequenos iamos aos concertos da Peregrina e diciamos cando empezamos a tocar, tocar aquí sería impresionante e agora imos cumprir ese soño"
Alberte: Coa apertura do local de música, houbo un momento no que toda a xente da miña idade, agora 19-20 anos, empezou a tocar. E agora é cando se ve, catro ou cinco anos despois que hai unha serie de grupos de bastante nivel que saíron grazas a iso e que antes non había.
Charlie: ÿ normal que se fas unha canteira de música rock, a longo prazo xurdan grupos que o tomen en serio ou que teñan a sorte de ir para arriba. ÿ o que está pasando agora. Este momento tiña que chegar, a ver en que acaba. Estamos entusiasmados de que haxa este nivel aquí. Todos os días hai concertos en Liceo Mutante, en Karma, en Pontemuíños... e iniciativas como 15 Bolos crean un ambiente musical tremendo. Pontevedra vive unha época de ouro.
Citas os 15 Bolos, todos os grupos sinalades a importancia de eventos como este. ÿ importante para vós, supoño, porque vos permite chegar a público novo, non?
Charlie: Cando o rock o levas á rúa, logramos que nos coñezan outras persoas fóra do ambiente musical no que nos movemos. Ven grupos novos e escoitan a música que tocamos. E se ves o cartel, é algo tremendo, Calquera dos grupos poderían estar en calquera escenario ou festival. Moitos deles chegarán a onde queiran chegar.
Adrián: E ademais, é gratis. (rise) Poder acceder a concertos en aberto e que non haxa que pagar é xenial. Pode cadrar un promotor de fóra que che vexa e logo te chamen doutro lado. Que che poidan coñecer porque si, porque estaban aquí nese momento e gustácheslles. Pero tamén che digo unha cousa, entendo a situación económica da xente, pero se realmente gústache a música malo será que non atopes uns euros para ir a un concerto.
Charlie: E dígoche máis, se alguén a quen lle guste ¡Que desilusión! non vén vernos por diñeiro, nós dámoslle unha entrada e deixámoslle pasar gratis. Que ese non sexa un motivo para non vir aos nosos concertos.
Vós apostastes sempre pola autoedición, por facelo todo vós mesmos. Credes que é o camiño a seguir no sector?
Charlie: Nós somos os nosos propios managers, e creo que por aí irá o futuro. A industria cambiou, moitos se autoproducen. Acabouse iso de que veña unha discográfica poña miles de euros encima da mesa e te leve a gravar a Houston. A promoción, a produción... todo telo que facer ti. E iso implica aprender a aguantar que che digan moitas veces que non. Os si son moi poucos.
Neste sentido, Internet axudouvos?
Adrián: Sen dúbida. A nivel promoción é o medio máis grande, máis que a radio ou as revistas. Todo o mundo está pegado ao ordenador. E móvese todo por aí.
Charlie: ÿ unha ferramenta máis, pero como digo sempre non é a panacea. Non é que fagas unha web e xa triunfes. Internet é como un océano. Hai miles de grupos e que dean contigo é máis que unha casualidade. Iso si, podes provocalo. Esa é a promoción máis efectiva. Non serve só estar na Internet. ÿ puro marketing. Hai que dar algo ao público e chegar á xente á que crees que lle podes interesar.
"Só falta que toquemos nós e vaian outros de teloneiros. Pasará, iso esperamos, pero será dentro duns anos"
E notáchedes xa o fenómeno fan?
Adrián: A nivel local si, non só amigos, senón tamén por xente que te ve un día na prensa e te segue. E logo séguenos moita xente de diferentes puntos de España. O que nos pasa por Facebook é incrible. Hai xente de País Vasco e Alicante que che piden a camiseta antes que alguén de aquí, que colgas algo e xa están compartindo, móveno e sorpréndente, Que te apoien tanto é alucinante.
Rubén: Hai xente que te colle agarimo. Pontevedra é unha cidade pequena e que un grupo de aquí, que tira pola cidade, vaia logrando certas cousas, pois a xente alégrase. Vante a ver aos concertos, vente pola rúa, párante...
E na casa? Sempre vos apoiaron ou ao principio non se crían que isto fose en serio?
Adrián: A min agora como que me dan unha oportunidade. Dinme espera a ver cara a onde ides e empezan a recoñecerche un pouco. Aos 14 anos dicíaslle que ías ensaiar e protestaban. Agora, a familia cando me ve sempre me pregunta onde vou tocar e apoiaranme cheguemos ata onde cheguemos.
Charlie: Os meus pais sempre me apoiaron. Foron os que me compraron a primeira guitarra, animáronme a seguir en moitos momentos. De feito, flipan que vaiamos tocar na Praza de España. Dinme que xa estamos no máximo de Pontevedra. Parece unha broma, pero é así. Só falta que toquemos nós e vaian outros de teloneiros. Pasará, iso espero, pero será dentro duns anos.
Relacionadas:
-
¡Qué Desilusión! volve reunirse para ofrecer un concerto de despedida na Sala Karma
Por Redacción |
-
O Liceo Mutante busca novo local para seguir a súa actividade "non molestando a ninguén, coma sempre fixemos"
Por Natalia Puga |
-
¡Qué Desilusión! presentará o seu segundo disco, "Remedios contra la mala suerte", en Sala Karma
Por Redacción |
-
Preséntanse os '15 Bolos': ¡Qué Desilusión! teloneará a Mago de Oz
Por Alejandro Espiño |