Alberto Garzón analizará a vindeira semana en Pontevedra o papel da universidade na transición ecolóxica
Por Redacción
O ministro de Consumo, Alberto Garzón, visitará a vindeira semana Pontevedra na súa faceta de economista. Vai participar nun coloquio co director do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera, e a directora científica do centro de investigación interuniversitario Ecobas, María Loureiro.
A actividade, que leva por título 'Os límites do crecemento e o papel da universidade na transición ecolóxica', está programada para as 11.00 horas do vindeiro luns 26 de setembro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Garzón falará sobre o papel que poden xogar as universidades no fomento do pensamento crítico respecto das consecuencias ambientais e sociais dun modelo económico baseado no crecemento.
O director do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera, explica que a idea é falar da importancia da universidade para xerar un pensamento crítico que logo poida chegar á cidadanía. A idea, segundo explica o investigador, é pór o foco nas economías alternativas e no papel que poderían xogar neste ámbito as institucións de ensino superior.
O labor de Garzón como economista constitúe o punto de partida deste debate. En concreto, o artigo 'The limits to Growth: Ecosocialism or Barbarism' que publicou na revista Monthly Review. Neste texto, pon o foco nos impactos sociais e ambientais do consumo incide na necesidade de reescalar a actividade económica ata o nivel que sexa compatible cos límites do planeta.
O obxectivo deste encontro será "falar do seu artigo e da interconexión entre política, universidade e cidadanía para desenvolver ideas", para a partir de aí xerar un debate científico en torno a unha idea que Panresa considera "tabú", que o mercado non é perfecto.
O coloquio estará aberto ao público, será coordinado polo investigador posdoutoral do Post-Growth Innovation Lab, David Soto Oñate, e contará tamén coa intervención do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.