Un total de 400 persoas participarán na Primeira Andaina Concello de Campo Lameiro
Por Redacción
Un total de 400 persoas formalizaron a súa inscrición para participar na I Andaina Concello de Campo Lameiro que se celebrará este domingo 18 de setembro sobre un percorrido longo de 21,5 quilómetros e outro curto de 14, segundo informou o alcalde Carlos Costa.
O Comité Organizador está formado por Mercedes Fernández, Jesús García, Mónica Arza e Paula Pazos, así como outras moitas persoas encargadas de varios departamentos e cometidos dentro do complicado e laborioso proceso de organización desta actividade.
Esta iniciativa, impulsada polo Concello de Campo Lameiro, tenta reunir deporte, proxección turística do municipio e solidariedade, xa que o 50% da recadación das inscricións desta proba non competitiva irán destinado integramente para a Fundación Andrea, unha asociación que axuda aos nenos con enfermidades raras e de longa duración con moito tempo de hospitalización.
Este proxecto conta co apoio da práctica totalidade do tecido empresarial do municipio que permitirá ofrecer un aperitivo para todos os participantes así como o sorteo de varios produtos doados polas empresas da zona entre todos os deportistas.
A I Andaina Concello de Campo Lameiro constará de dúas modalidades, unha longa de 21,50 quilómetros e outra curta de 14 que discorrerán polo termo municipal atravesando dous importantes reclamos turísticos: o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre e o Sendeiro do Río Maneses. Ademais, os que decidan emprender a andaina longa tamén poderán gozar do área recreativa de Penalba e dos petróglifos que hai situados nesa zona (Pedra da Serpe e Laxe da Arrotea de Mendo).
O percorrido establecido pola organización contempla un desnivel positivo de 860 metros para a distancia longa de 21,5 quilómetros, que terá tamén habilitados 3 avituallamentos e, no caso do trazado curto de 12 quilómetros, o desnivel positivo será de 550 metros e haberá dous puntos de avituallamento.
Carlos Costa cualificou esta primeira edición de un éxito "xa antes de realizarse polo importante número de persoas inscritas" e sinalou que "o tempo vai a acompañar aos participantes e agardamos que teñamos este domingo unha xornada deportiva excepcional xa que tamén, pola tarde, haberá no campo de fútbol da Chanciña un derbi local xa que o noso Campola recibe a visita do Atlético Cuntis, na Primeira Autonómica de fútbol".
Relacionadas:
-
A II Andaina Concello de Campo Lameiro volverá recadar fondos para a Fundación Andrea
Por Redacción |
-
O parque arqueolóxico de Campo Lameiro reforza a súa oferta cultural de verán para o publico familiar
Por Redacción |
-
Cuntis estrea un novo sendeiro cunha multitudinaria andaina
Por Redacción |
-
A I Andaina Concello de Campo Lameiro recada 2.552 euros para a Fundación Andrea
Por Redacción |
-
Campo Lameiro homenaxea aos pioneiros que nos anos 70 puxeron en marcha a Festa dos Mozos
Por Redacción |
-
Educación comprométese a acometer as obras de mellora do colexio Pedro Antonio Cerviño
Por Redacción |