O PP de Poio reclama ao Concello un "plan integral" para solucionar os problemas coa auga na Caeira
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Ángel Moldes reclamou ao Concello de Poio que poña en marcha un "plan integral de reposición dos servizos básicos" na urbanización da Caeira.
Ángel Moldes lembrou os reiterados problemas na subministración de auga que padece esta zona de Poio, con "falta de presión, roturas e avarías constantes" da rede municipal que chegaron a provocar inundacións en varias vivendas "ata en cinco ocasiones".
Por isto esixe ao Goberno local que acometa unha actuación integral coa reposición das tubaxes, cambiar o sistema de bombeo, mellorar os pozos existentes e que deixe de facer "parches" cada vez que protestan os veciños.
O portavoz do PP lembrou que segundo un informe dos técnicos municipais, máis de 1.500 veciños de Poio están sen o servizo público de abastecemento de auga e máis de 2.000 sen saneamento.
O PP sinalou que o contrato do servizo da subministración de auga municipal "leva cinco anos caducado" e atópase na quinta e última prórroga legal. "O normal é que o novo contrato, que tería que estar xa funcionando, se utilice como un instrumento idóneo para solucionar estes problemas", dixo Moldes.
Neste sentido, Moldes prometeu que "se dentro duns meses os veciños dannos a confianza de gobernar Poio o que imos facer é o que faría calquera goberno responsable", que é, segundo dixo, aproveitar o novo contrato deste servizo para esixir á concesionaria que acometa como melloras a solución aos problemas nas zonas da Caeira, Fragamoreira, Vilariño, Avenida de San Xoán, entre outras.
PROXECTOS DO CONCELLO
Precisamente este martes, o concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, deu a coñecer algúns detalles dos proxectos, "xa redactados", que o Concello de Poio acometerá no núcleo da Caeira para a dotación e mellora de servizos básicos, unhas actuacións que se levarán a cabo en San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons e que contan cun orzamento total que ascende a máis dun millón de euros, IVE engadido.
Ademais de poñer fin ás avarías que se rexistran nesta zona, na que a rede de abastecemento se atopa moi deteriorada, tal e como recoñece o edil do Goberno local, estas obras "tamén están encamiñadas a dar continuidade á transformación que se foi producindo na contorna da Caeira ao longo dos últimos anos, nos que fomos quen de renovar servizos, alumeado e apostar por unha mobilidade máis accesible e universal". Neste sentido, Casás lembrou traballos como o realizado desde A Barca ata Mato Calderón, con máis espazos para peóns, servizos renovados e novo alumeado público.
Os novos proxectos tamén van nesa liña, segundo indica Julio Casás. No caso dos traballos a executar entre San Antoniño e Río Miño, habilitaranse novos colectores para garantir saneamento, recollida de pluviais e abastecemento. Algo que tamén sucederá en Illa de Ons. Os orzamentos ascenden a máis de 500.000 e 600.000 euros, IVE engadido, respectivamente. A supresión de barreiras arquitectónicas e a renovación do pavimento, ademais da dotación de novas redes para telecomunicacións e instalación de luminarias e mobiliario urbano completan estes proxectos, que serán dados a coñecer entre as persoas residentes nunha reunión informativa, na que "poderán consultar todas as dúbidas que consideren".
Ademais, o Concello de Poio asegura que segue a traballar para sacar a licitación o novo contrato do ciclo da auga, que, "se non hai novidades, será aprobado en Pleno neste outono". O edil de Servizos Municipais sinala que "a día de hoxe os problemas na rede de abastecemento céntrase en puntos moi concretos da Caeira, debido ao deterioro da canalización. Imos intentar axilizar ao máximo posible a tramitación para que estas actuacións sexan unha realidade canto antes", finalizou.
Relacionadas:
-
O Pleno municipal de Poio votará un novo trámite para poder licitar o contrato da auga
Por Redacción |
-
San Xoán e San Salvador estrean novo mobiliario urbano construído con material de refugallo
Por Redacción |
-
Poio destinará fondos provinciais contra a seca para renovar a rede de abastecemento de auga na Caeira
Por Redacción |
-
Enésima avaría na rede de abastecemento de auga da Caeira
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide a intercesión da Valedora do Pobo ante os problemas coa auga na Caeira e Boavista
Por Oskar Viéitez |
-
Moción do PP para pedir explicacións sobre as "avarías constantes" na rede de augas da Caeira
Por Redacción |