As Rías Baixas, no nivel de alerta 1 por episodio de calor, con altas temperaturas que se agardan ata mércores
Por Redacción
As altas temperaturas que se agardan durante toda a fin de semana levaron á Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, a determinar que as Rías Baixas se atopen no nivel 1 de alerta por episodio de calor ata o mércores, a coñecida como alerta amarela.
Estarán no nivel 1 distintos concellos das Rías Baixas, en concreto, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
A previsión, segundo infomou a Xunta, é que a partir deste sábado vaise fortalecer a presencia de aire cálido sobre Galicia traendo temperaturas en ascenso en xeral con valores moi elevados en áreas do sur. A situación pode continuar sen grandes cambios ata o mércores.
A partir deste sábado, tamén se prevé a chegada de brétemas costeiras nas Rías Baixas que poden provocar un descenso das temperaturas nas comarcas máis occidentais.
Así o deu a coñecer este sábado a Consellería de Sanidade, aínda que é unha decisión que tamén compete ao Sergas, á a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; e ás Consellerías de Política Social e Xuventude; e de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda.
Sanidade tamén quere facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor.
- Beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos.
- Evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas.
- Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
- No interior dos edificios permanecer, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixar as persianas e pechar as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar.
- Nos momentos de calor máis intensa, refrescar o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna.
- Procurar eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
- No exterior dos edificios evitar, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducir a actividade física, procurar buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.
- Non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizar as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.
- Unha recomendación para as persoas con parentes ou veciños que vivan sós: é convinte facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.