O 22% do persoal de Ence, afectado polo ERTE previsto para catro meses

© PontevedraViva - Arquivo

© Mónica Patxot
Ence presentou ante a Autoridade Laboral un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) por duración de catro meses, como consecuencia da parada na produción que chegou provocada pola baixada de caudal no río Lérez, de onde recollía auga para a actividade industrial en Lourizán. Este venres 29, representantes do comité de empresa, con maioría do sindicato Comisións Obreiras, presentaba ao persoal da fábrica en dúas asembleas informativas a situación laboral á que se enfrontan os traballadores durante este verán.
A empresa presenta este ERTE alegando forza maior xustificándoo na actual seca. Unha situación, que segundo Rubén Fernández, secretario do comité de empresa, non se produce desde hai máis de dúas décadas, na que a fábrica tamén se viu obrigada a paralizar a produción por unha situación de falta de auga e asumir unha regulación de emprego temporal. Con todo, esta situación non se rexistrou noutro período de seca importante como o que se producía en 2017. A redución da concesión de recollida do caudal do Lérez a 0,6 metros cúbicos por segundo, decretada pola Xunta de Galicia neste 2022, cambiou a escena.
A empresa, segundo o documento presentado, comprométese a reactivar a actividade no momento en que esta situación de escaseza finalice e, segundo o secretario do comité, tamén indica que tentará que afecte ao menor número de persoas posible. Na documentación ofrecida pola dirección aos representantes sindicais, o ERTE afecta a un 22% dos traballadores (arredor de 90 dun grupo de 400), indican as mesmas fontes. Preto de cincuenta empregados tamén adiantaron as vacacións para postergar a entrada ao ERTE.
Durante estes meses realizaranse labores de manteminimiento nas instalacións da factoría e os sindicatos reclamaron á empresa que se estableza un equilibrio para que o período de ERTE afecte de maneira igualitaria ao persoal, tanto no caso de traballadores propios como o de empresas auxiliares, que tamén ven afectadas por este parón.
ERTE INDEPENDENTE DAS DECISIÓNS XUDICIAIS
"Temos que facer unha reflexión sobre o consumo da auga", recoñece Rubén Fernández, para evitar que estas complicacións se repitan na pasteira durante os próximos anos. Por este motivo, os representantes do comité indican que solicitaron á empresa durante as conversacións mantidas esta semana unha serie de medidas para o futuro. Afirman que existe unha tecnoloxía que reduciría o consumo de auga por parte da fábrica. Unha tecnoloxía que, segundo indica o integrante de CCOO, dependerá de se o Tribunal Supremo atende os recursos e ofrece unha resolución contraria ás da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga de Ence en Lourizán.
Rubén Fernández: "Un ERTE de forza maior non se pode converter nun ERE de extinción"
Precisamente, Rubén Fernández afirma que este ERTE é independente da decisión que adopte o órgano xudicial a partir do 4 de outubro, cando comece a analizar os recursos presentados, entre outros, pola propia empresa ante a decisión da Audiencia Nacional. "Unha cousa non ten que ver coa outra. Un ERTE de forza maior non se pode converter nun ERE de extinción", explica o representante sindical, "isto está limitado no tempo e depende do que suceda co caudal do río. O que pase co Tribunal será outro escenario", afirma.
"Preocúpanos o feito de parar por estas circunstancias", admite para engadir que a empresa pasteira adopta a decisión de parar e acudir ao ERTE para "dar resposta ao que está obrigada" pola lexislación en relación co consumo de auga. En todo caso, entre o conxunto do persoal existe unha porcentaxe notable de traballadores que mostra preocupación polo futuro inmediato xa que este cúmulo de circunstancias coincide nun período crucial para o devir da fábrica.
Relacionadas:
-
O plantel de Ence volve aos seus postos de traballo para producir, en probas, con augas da depuradora
Por Redacción |
-
Ence berra na rúa: "De Lourizán non nos moverán"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O líder de CCOO en España apoia as reivindicacións dos traballadores de ENCE e a súa permanencia en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os traballadores de ENCE convocan unha manifestación antes de que o Supremo decida sobre o futuro da fábrica de Lourizán
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Conde pide ao Goberno que as medidas de aforro enerxético queden reducidas a "recomendacións" no sector privado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
ENCE estuda recorrer á auga da EDAR para poder reanudar a súa actividade en Lourizán
Por Alejandro Espiño |
-
A APDR apunta á "evidente responsabilidade de Ence" na seca do Lérez
Por Redacción |
-
Ence estuda as propostas do comité de fábrica antes de acometer o ERTE derivado da seca
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Supremo resolverá en outubro o primeiro recurso ás sentenzas que anulan a prórroga de Ence
Por Redacción |
-
ENCE aplicará un ERTE aos seus traballadores en Pontevedra ao deter a produción pola seca
Por Alejandro Espiño |
-
A escaseza na reserva de auga obriga a elevar o nivel de alerta pola seca
Por Alejandro Espiño |
-
A seca prolongada "acrecenta a preocupación" da Xunta sobre o subministro de auga
Por Natalia Puga |
-
Ence asegura que non existe ningún tipo de problema nin alteración na súa captación de auga
Por Oskar Viéitez |
-
A seca forza a Pontevedra a recorrer antes do previsto á auga embalsada no Pontillón
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e Ence coinciden en situar a factoría de Lourizán como "pedra angular" do proxecto de tisú nas Pontes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |