Seguen as declaracións en Cambados polas presuntas irregularidades urbanísticas cometidas en Sanxenxo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Seguen as declaracións no Xulgado de Instrución número 2 de Cambados pola investigación aberta en Sanxenxo polas presuntas irregularidades urbanísticas cometidas pola Xerencia de Urbanismo na tramitación dunha serie de expedientes.
Tras declarar onte o ex concelleiro de Urbanismo, Ángel Casal; o ex xerente de Urbanismo e arquitecto municipal, Rafael Vázquez Abal; e Ana Belén Louro Pais, ex asesora xurídica da xerencia, outras dúas das persoas imputadas pasaron a disposición xudicial este mércores nos xulgados cambadeses.
Trátase de Pablo Guío del Amo, o arquitecto técnico da Xerencia de Urbanismo. Impútanselle inicialmente os delitos de prevaricación urbanística, cohecho e tráfico de influencias. Acolleuse ao seu dereito a non declarar.
O que si declarou foi Ángel Luis López Pita, secretario do Concello de Sanxenxo e da Xerencia de Urbanismo. Tralo seu interrogatorio ante o xuíz, quedou por determinar a imputación inicial. Será por prevaricación ou por cohecho.
Entre as persoas que quedan por declarar no xulgado de Cambados atópanse a directora xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, xerente de Urbanismo en Sanxenxo durante a alcaldía de Telmo Martín; e a propia alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, que está citada para este venres.
ACTUALIZACIÓN: Con posterioridade á publicación desta información, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cambados acordou o arquivo da causa aberta contra Ana Belén Louro País, así como as actuacións dirixidas cara a outro dos investigados, Rubén Campos Ferro.