A Feira Agroalimentaria de Cuspedriños despachou máis de 6.000 racións na degustación gratuíta de carnes autóctonas
Por Redacción
A Feira Agroalimentaria de Cuspedriños organizada polo Concello de Cerdedo-Cotobade repartiu máis de 6.000 racións das degustacións gastronómicas gratuítas a base de carne de porco celta, galiña de Mos e razas autóctonas de tenreira galega (cachena e freiresa, principalmente).
A Feira, celebrada este domingo, concentrou no entorno da capela da Virxe do Carme a un bo número de produtores locais que deron a coñecer entre o público os seus produtos a base de arandos, mel, filloas de Valongo, produtos da horta, panadería, cervexa artesá, carafio, etc.
O alcalde Jorge Cubela valorou moi positivamente o resultado desta primeira Feira Agroalimentaria "esta foi a primeira e melloraremos para as seguintes, pero quero darlle as grazas de corazón pola súa axuda e colaboración á Asociación de Veciños A Cividade, de San Xurxo de Sacos; a Asociación de Amigos do Becerro Ecolóxico de Viascón, que preside Roberto Louzán, e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA). Tamén a José Baseiros, director Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industria Agroalimentaria, que nos acompañou en todo momento e tamén ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, por facilitar que puideran actuar os míticos membros de A Roda. Tampouco me quero esquecer dos Trazantes, que amenizaron a degustación nin aos produtores locais de arándanos, caracois, mel, filloas de Valongo, produtos da horta, panadería, cervexa artesá, etc. que estiveron na Feira. E, como non, a Fernando e a Mónica, que estiveron repartindo máis de 6.000 tíckets toda a tarde... e a todo o persoal do concello que axudou", sinalou o alcalde.
O evento rematou cun concerto a cargo do mítico grupo de música folc galego A Roda que intercalou vellos temas tradicionais da súa discografía con novas incorporacións musicais que manteñen viva e actualizado o seu amplio e variado repertorio.