Pasodobres, selfies e desmaios na chegada do Juan Sebastián Elcano á Escola Naval de Marín
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Ás dúas da tarde, con música do pasodobre "Paquito, o chocolateiro" e baixo un sol de xustiza entraba na dársena da Escola Naval Militar (ENM) de Marín o buque escola Juan Sebastián Elcano.
Durante unha hora prolongáronse as manobras do barco xunto cos actos protocolarios. Un tempo que a Banda de Música da ENM encheu con pasodobres taurinos mentres a calor facía estragos entre os alumnos que esperaban ao sol en formación no peirao de torpedos.
Ata unha decena de militares tiveron que ser atendidos polos servizos médicos no "Pañol Histórico e de Ensino", que durante ese tempo deixou ao carón a súa condición de museo para ser habilitado como consultorio.
O bergantín goleta da Armada Española foi recibido nesta base militar polo comandante director da Escola Naval Militar, o capitán de navío Pedro Cardona Suanzes que, un a un, saudou aos máis de 70 guardamarinas de terceiro ano da ENM que deron hoxe por finalizado o seu periplo a bordo.
O remate deste cruceiro de instrución número 94 tamén ten unha parte emotiva que poñen os familiares e amigos da dotación e cabaleiros guardiamarinas que son a nota de cor neste acto formal, cos seus berros, pancartas, globos e explosivas mostras de afecto.
A partir de mañá mércores o público xeral poderá visitar o buque nas dúas xornadas de portas abertas que se organizaron para o mércores 13 e o xoves 14 en horario de 9.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas ambos os días.
O Juan Sebastián Elcano permanecerá atracado na Escola Naval Militar ata a mañá do día 17 na que partirá cara á súa base no porto de Cádiz. O día antes, o 16, o rei Felipe VI presidirá os actos do Día do Carmen na ENM.
Relacionadas:
-
A princesa Leonor recibirá formación militar na Escola Naval de Marín
Por Redacción |
-
A Escola Naval encara un novo curso, con 127 novos alumnos, 20 mulleres
Por Redacción |
-
Recordo aos mariñeiros do Pitanxo no acto de entrega de despachos na Escola Naval
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá un amplio dispositivo de seguridade en Marín nos días fortes das Festas do Carme
Por Oskar Viéitez |
-
O Juan Sebastián Elcano non se perde o Carmen e atraca en Marín o 12 de xullo
Por Redacción |
-
Felipe VI presidirá os actos do Carme na Escola Naval de Marín
Por Oskar Viéitez |