Recordo aos mariñeiros do Pitanxo no acto de entrega de despachos na Escola Naval
Por Oskar Viéitez
O naufraxio do Villa de Pitanxo estivo presente no acto de entrega de Reais Despachos na Escola Naval Militar de Marín que estivo presidido por rei Felipe VI.
O público encheu a bancada instalada no recinto castrense, con cabida para unhas 4.000 persoas, nunha xornada na que a calor foi moi levadía pola presenza de brétema e pola suave brisa que fixo baixas as temperaturas.
Como manda o protocolo do acto, Felipe VI foi recibido con salvas de honra e a interpretación do himno nacional, pasando a continuación revista ao batallón de alumnos e saudando ás autoridades civís e militares presentes entre os que se atopaban o almirante xefe de Estado Maior, Antonio Martorell, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do titular do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e do delegado do Goberno na Comunidade, José Miñones.
Na celebración da festividade do Carmen, patroa da Armada española, un total de 106 alumnos, entre eles oito mulleres, recibiron o seu despacho, mentres que 78 estudantes de primeiro curso, sete mulleres, xuraron bandeira.
Recibiron condecoracións os números uno de cada promoción e Alfonso Rueda fixo entrega dun sabre ao alférez de navío número un da promoción do Corpo Xeral da Escala de Oficiais, Gonzalo Rodríguez Casajús.
O comandante-director da escola naval militar, Pedro Cardona, agradeceu ao rei e á raíña Letizia o "consuelo, cariño y apoyo" á vila de Marín, que "tanto ha sufrido" nos últimos meses, en referencia aos 21 mariñeiros falecidos do Villa de Pitanxo afundido en augas canadenses. o pasado 15 de febreiro.
Na súa mensaxe aos novos oficiais da Armada lembroulles que "el mando es una vocación de servicio. Mandar es servir".
O acto concluíu coa homenaxe aos caídos, o himno da Armada e o tradicional desfile baixo a bandeira.
Relacionadas:
-
A princesa Leonor recibirá formación militar na Escola Naval de Marín
Por Redacción |
-
A decepción das familias do Villa de Pitanxo tras reunirse coa ministra de Transportes: "Non foi como esperabamos"
Por Natalia Puga |
-
"O tempo acábase", avisan os familiares do Villa de Pitanxo ante a reunión coa Ministra de Transportes
Por Diego Espiño |
-
A xente do mar mostra fervor pola súa patroa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O presidente da Xunta comprométese a trasladar a Pedro Sánchez as reivindicacións das familias do Pitanxo
Por Oskar Viéitez |
-
Pasodobres, selfies e desmaios na chegada do Juan Sebastián Elcano á Escola Naval de Marín
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |