Narración oral e deporte para gozar da fin de semana en Cuntis
Por Redacción
Cuntis encara unha fin de semana repleta de actividades culturais e deportivas que arrancan na noite deste venres coa primeira sesión do Festival Atlántica, un referente estatal na narración oral e que este ano cumpre o seu décimo aniversario.
Na xornada deste sábado o festival compartirá protagonismo co ciclismo, xa que Cuntis será a sede dunha MiniBTT en horario matinal e do IXCO Vila de Cuntis a partir das 17 horas.
Ao redor de 200 deportistas participarán nesta proba que encherá o percorrido de afeccionados a este deporte, que terán tamén a oportunidade de descubrir o potencial do municipio para a práctica do ciclismo de montaña. Trátase dunha proba organizada polo Club de Montaña Xesteira en colaboración co Concello de Cuntis.
En relación ao Festival Atlántica, esta noite de venres será a colombiana Carolina Rueda a encargada de poñer voz á sesión, en Castrolandín, cuns contos para toda a familia e mañán sábado, ás 21.30 horas, o galego Celso Fernández Sanmartín tomará o remuda con ‘Catro aves escollidas son as que cruzan o mar’, un contido en galego e para adultos. Tamén será ás 21.30 en Castrolandín.
Para o domingo día 10 de xullo, o Concello continúa con propostas saudables animando á cidadanía a participar na IX Andaina Vila de Cuntis, denominada este ano “Ruta dos tres castros”, unha proba valedeira para a Liga Nacional de Senderismo da Federación Española de Montaña. A proba conta con dúas alternativas: unha longa de 22 kilómetros que percorre os castros de Castrolandín, Arcos e Sebil e outra máis curta de 17 kilómetros, que recorrerá só os dous primeiros.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, convida aos afeccionados ao sendeirismo a inscribirse nesta ruta debido á beleza natural dos paraxes polos que discurre, con espectaculares vistas dende o alto dos castros polos que pasa, de camiños antigos recuperados, das fervenzas das Campaíñas e do Hervedo, da antiga fábrica da luz, carballeiras, soutos e infinidade de recunchos que irán sorprendendo aos participantes ao longo do percorrido.
A organización ten previstos tres avituallamentos para a andaina longa e dous para a curta, e para o remate final teñen prevista a degustación dun prato típico da gastronomía galega: un prato de callos.
A saída e chegada desta andaina será desde o Parque de Maráns, co Monumento ó Sagrado Corazón, xa que como é habitual esta actividade ten unha finalidade benéfica e este ano a recadación irá destinada á Asociación de Ayuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia