Aprobado o orzamento municipal de Cuntis cun incremento das partidas sociais e unha aposta polo polígono
Por Redacción
A Corporación municipal de Cuntis aprobou na sesión plenaria deste xoves os orzamentos para 2022 que ascenden a 4.653.373 euros e que teñen, segundo destacou o Goberno local, "un marcado carácter social" cun incremento na partida económica destinado á atención aos programas e servizos directamente vencellados co apoio á veciñanza.
Os orzamentos, aprobados co único voto favorable do grupo municipal socialista, reservan tamén unha partida para garantir o desenvolvemento do polígono industrial de A Ran, que este ano rexistrará un claro impulso a través da implicación do Consorcio Zona Franca.
Os investimentos, sobre todo nas zonas máis rurais, son outra das prioridades do goberno que dirixe Manuel Campos e que teñen a súa traducción no documento económico para o ano en curso. Entre as aportacións, con fondos propios e o Plan Concellos da Deputación, Cuntis destinará este ano máis de 2,5 millóns de euros a melloras nas rúas do casco urbán e máis á dotación de servicios en diversas parroquias rurais.
A maiores o orzamento presta atención a un obxectivo tamén prioritario como é a reactivación da actividade económica, paralizada trala pandemia Covid-19, con axudas directas ás asociacións do municipio e unha aportación ao festival A Revolta do Umia.
Unha atención especial no orzamento teñen as asociacións deportivas BTT Xesteiras e a asociación do RallyMix de Cuntis, que este ano organizarán sendos eventos cunha repercusión no sector turístico, polo que o equipo de Manuel Campos aposta firmemente como demostran os recoñecementos recibidos o pasado ano pola oficina de turismo cun selo SICTED e a Q de Calidade.
Tamén o comercio de proximidade ten o seu reflexo no orzamento, con axudas á promoción e co impulso da marca MercaCuntis creada para fidelizar o consumo local.
Manuel Campos, na súa intervención final, recordou que o orzamento para 2022 foi presentado a todos os grupos da oposicións nuns encontros dos que xurdiron suxerencias incorporadas xa que enriquecen o proxecto que o grupo socialista ten para Cuntis.
O rexedor municipal insistiu na importancia de traballar conxuntamente na dotación de mellores servizos para os cidadáns á vez que a administración local atende as necesidades básicas dos veciños. "O primeiro son as persoas por eso este ano incrementamos a partida para Servizos Sociais, para mellorar programas tan esenciais como o Cuntilín, a Atención Temperá ou axudas á natalidade; sen esquecernos das persoas con dependencia e de programas específicos de educación".
"Temos un proxecto para Cuntis, como vimos demostrando desde que gobernamos. Un proxecto no que as persoas son o eixo central e por elas avanzamos na dotación de servizos de calidade, pero tamén na industrialización do municipio e na oferta de programas de formación profesional esenciais na búsqueda de emprego", apunta Manuel Campos.
Relacionadas:
-
Narración oral e deporte para gozar da fin de semana en Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis aproba de xeito definitivo o orzamento para o 2022 e o plan de axuste económico
Por Redacción |
-
Un informe de Intervención rexeita aumentar a partida para a conservación dos petróglifos de Cuntis
Por Redacción |
-
A Xunta mellorará a seguridade do polígono de Trabanca Badiña
Por Redacción |
-
O goberno local de Cuntis presenta un orzamento municipal que supera os 4,6 millóns de euros
Por Redacción |
-
O goberno local de Cuntis presentará un orzamento para 2022 de máis de 4 millóns de euros
Por Redacción |