
© Mónica Patxot
CCOO vence nas eleccións sindicais en ENCE e asumirá a presidencia do comité de fábrica con maioría absoluta

© Mónica Patxot
Na madrugada deste venres coñecíanse os resultados das eleccións sindicais celebradas na fábrica de Ence. A votación realizábase entre as 13.00 e as 23.30 horas deste xoves, cunha elevadísima participación. Do censo de Técnicos e Administrativos participou un 90%, mentres que en Especialistas, a cifra elévase ao 93%.
O resultado final ofrece unha maioría absoluta para Comisións Obreiras no comité de empresa de fábrica con sete representantes, fronte aos 3 da CIG e outros 3 de UGT. O sindicato nacionalista sofre, con estes resultados, a perda de dous delegados respecto a as anteriores eleccións. A presidencia do comité que actualmente ostenta Toño Lafuente (CIG) pasará agora ao sindicato CCOO.
No colexio de Técnicos se elexía seis representantes, dos que tres pertencen a CCOO (46 votos); 2 a UGT (35 votos); e 1 a CIG (26 votos). No colexio de Especialistas escollíanse a sete representantes; dos que catro son de CCOO (84 votos); 2 da CIG (41 votos); e 1 pertence a UGT (con 21 votos).
Nas anteriores eleccións, Comisións Obreiras e CIG empataran con cinco delegados cada un, mentres que UGT tamén obtiña tres. Segundo informa CCOO, tras estas eleccións sindicais da fábrica, dos 23 representantes dos traballadores do Grupo Ence en Pontevedra, este sindicato conta con 17 delegados (74% da representación), mentres que CIG queda con tres e UGT con outros tres. CCOO ten 7 dos 13 de fábrica; 9 delegados das oficinas e un no viveiro de Figueirido.
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de organización de CCOO, afirma que estas eleccións tiñan unha especial relevancia porque servían para "referendar ou retirar a confianza de dúas liñas de acción levadas a cabo por CCOO e CIG". Segundo entenden desde o sindicato vencedor que o persoal acudiu "masivamente ás urnas e decidiu dar o apoio á liña de mobilizacións emprendidas por CCOO en defensa da permanencia en Lourizán, que contaron co inestimable apoio do persoal das oficinas, das empresas auxiliares, e dos sectores loxístico e forestal".
Desde Comisións Obreiras consideran que estes resultados supoñen a consolidación da unidade de acción co resto de persoal propio de Ence e cos traballadores dos sectores auxiliares e indirectos porque "nos permiten gañar forza na defensa da permanencia en Lourizán e na adscrición de Ence ao Porto de Marín", apuntan.
Afirman que os partidos políticos que apoian o peche de Ence van sentirse "decepcionados" pola recuperación da "normalidade sindical", que supón a defensa intransixente dos postos de traballo, e "pola consecuente perda de apoios dos seus aliados na empresa", sinalan desde a dirección comarcal de CCOO.
Relacionadas:
-
O líder de CCOO en España apoia as reivindicacións dos traballadores de ENCE e a súa permanencia en Pontevedra
Por Redacción |
-
ENCE quere instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú en As Pontes
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR convoca a súa 'Marcha contra celulosas' convencida de que "Ence xa é pasado"
Por Oskar Viéitez |
-
O Porto quere os terreos de Lourizán "con ou sen Ence"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
ENCE espera que o Supremo manteña a prórroga para investir 395 millóns na fábrica actual
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O traballador de ENCE acusado de atentar contra Lores elude a prisión e acepta pagar unha multa de 180 euros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |