Un turismo queda enganchado nun cubeto para árbores na contorna de Ramón Cabanillas
Por Redacción
Un turismo quedaba encaixado na mañá deste luns 13 de xuño cando circulaba entre a Praza das Regas e a rúa Ramón Cabanillas, segundo fontes veciñais. A condutora do vehículo non se decatou da presenza dun cubeto metálico en forma de pirámide que se atopa instalado na beirarrúa para a plantación de árbores.
Ao tentar manobrar, a defensa do Renault Kadjar enganchábase á estrutura sen que fose posible retiralo sen xerar deterioracións. Ata o lugar acudían axentes da Policía Local de Pontevedra e os bombeiros do Parque municipal, que tiveron que empregar material para elevar o vehículo e lograr así desprazalo cara atrás sen causar danos nos baixos do automóbil. A condutora non sufriu danos persoais, segundo a información facilitada polos bombeiros de Pontevedra.
RETIRADA DE NIÑOS DE VELUTINAS
A esta incidencia súmase durante esta xornada a chamada de residentes nas parroquias de Salcedo e de Mourente solicitando aos bombeiros a retirada de niños pequenos de avespas velutinas.
Segundo indican desde o Parque, durante estas xornadas, debido áo aumento das temperaturas, están a sucederse as chamadas para estas intervencións provocadas pola aparición desta especie invasora en distintos puntos do municipio causando alarma entre a poboación.