Tres feridos en Lérez ao bater un coche contra un poste
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Aparatoso accidente de circulación o acontecido á primeira hora da tarde deste sábado 11 de xuño en Lérez, coa colisión contra un poste dun turismo que saíu da vía.
Como consecuencia do choque tres persoas resultaron feridas.
Ademais, segundo explica o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Pontevedra para liberar a un dos ocupantes do vehículo, que quedara atrapado no seu interior.
O accidente tivo lugar ao redor das 15.00 horas da tarde, nas proximidades do Mosteiro, no lugar de Porta do Sol.
Os tres feridos foron trasladados polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a un centro hospitalario.
No operativo de emerxencia activado participaron tamén axentes da Policía Local de Pontevedra.