Propoñen para unha sanción de entre 60 a 225.000 euros a un piloto de dron que dificultou a extinción dun incendio na Caeira
Por Diego Espiño
Tentar gravar un incendio para vista de dron pódelle saír caro a un piloto destes aparellos de radiocontrol.
Sucedeu en Poio, o pasado 27 de maio, e é que segundo informa a Policía Local de Poio a interferencia dun dron dificultou as tarefas de extinción dun incendio forestal declarado na zona de Boavista, na Caeira.
Por iso o piloto, que foi localizado posteriormente polos axentes da policía municipal, foi proposto para unha sanción que pode ir dos 60 ata os 225.000 euros, tendo en conta que debido á súa presenza o helicóptero de extinción de incendios que colaboraba no dispositivo activado tivo que afastarse do lugar sen poder actuar por risco de colisión.
O lume terminou sendo controlado polos axentes forestais despois de calcinar ao redor de 3.000 metros cadrados de superficie, principalmente poboada de eucaliptos e fentos.
Foi a Garda Civil, que conta cun equipo especializado no tráfico aéreo denominado Pegaso, a que solicitou colaboración á Policía Local para dar coa persoa que manexaba o dron e que non puido ser localizada nun primeiro instante.
O piloto contaba con certificado de piloto a distancia e seguro de responsabilidade civil, tratándose dun operador experimentado que debería ter coñecemento da prohibición de sobrevoar o incendio forestal.
Os feitos foron comunicados para a elaboración da correspondente acta á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e ao Director de Extinción de incendios da Xunta de Galicía, ademais da o propio equipo Pegaso da Garda Civil.
Relacionadas:
-
Poio abre o prazo para a contratación de persoal para as brigadas contra incendios forestais
Por Redacción |
-
Todos os concellos da provincia agás Cuntis, Moraña, Campo Lameiro e Ribadumia son zonas de alto risco de incendios
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O equipo Pegaso da Garda Civil, tras a pista de todo o que voe
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Extinguen na Caeira o primeiro incendio forestal da tempada
Por Manu Otero & Mónica Patxot |