Nas vindeiras semanas reubicarase a parada de autobús na Travesía de Laño
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar a redacción do proxecto para a reubicación da parada de autobús na travesía de Laño, na estrada autonómica PO-308, no Concello de Poio.
Este documento detalla a execución das obras necesarias, cun orzamento de 32.413 euros e un prazo de execución de dous meses.
O proxecto, realizado ante a necesidade de reforzar a seguridade nesta contorna co traslado da marquesiña, prevé unha actuación integral nun treito de 120 metros desta vía autonómica. As obras comezarán en vindeiras semanas.
O proxecto prevé o traslado da actual parada de autobús, que se desprazará uns 120 metros ata ubicarse na zona onde se sitúa unha cuña de deceleración na estrada. Tamén se acondicionará a marxe dereita para reforzar a seguridade dos desprazamentos dos veciños.
Así, darase continuidade ao itinerario peonil cunha plataforma en formigón coreado cunha anchura mínima de 1,8 metros e unha altura de 10 centímetros sobre a calzada. Ademais, no bordo instalarase unha franxa de baldosas de botóns con contraste cromática para que se visualice con claridade a diferenza entre a estrada e a zona peonil.
A actuación completarase coa instalación dun novo paso de peóns á altura da nova marquesiña, o pintado de novas marcas viarias, a canalización da rede de telecomunicacións e a dotación dun sistema de drenaxe subterráneo.
Esta actuación, enmarcada na mellora integral da seguridade viaria na estrada PO-308 ao seu paso polo Concello de Poio que está a desenvolver a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, non precisa de expropiacións de terreos para a súa execución. Ante posibles interrupcións da circulación durante a realización das obras, tense deseñado un plan de tráfico alternativo.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, manifestou a súa satisfacción polo feito de que finalmente se leve a cabo unha mellora nesta zona que dá resposta a unha demanda veciñal que o Goberno municipal de Poio trasladou en varias ocasións á Axencia Galega de Infraestruturas. O rexedor lembra que en xullo de 2020 remitiuse á Consellería de Infraestruturas unha serie de alegacións sobre o proxecto de mellora na PO-308 entre Raxó e Samieira, entre as que se atopaba, precisamente, a dotación dun paso para peóns na recta do Laño e un novo emprazamento para a parada de autobuses. Esta cuestión tamén fóra abordada nunha reunión celebrada a finais de 2021, na que participou o propio alcalde, acompañado de varios integrantes do equipo de Goberno.
Ademais, o alcalde Sobral tamén solicita á Xunta de Galicia que se habilite un semáforo con botón neste novo paso de peóns, similar ao que se instalou no seu momento en Chancelas, para "garantir a seguridade peonil nun tramo polo que transitan numerosos viandantes, especialmente durante a época estival, dada a proximidade da praia do Laño".
Relacionadas:
-
A estrada PO-308 estrea nova parada de bus en Laño
Por Redacción |
-
Laño estreará moi pronto a nova marquesiña na PO-308 para o autobús
Por Redacción |
-
O Concello de Poio urxe á Xunta para que instale a marquesiña en Raxó
Por Redacción |
-
Pasos de peóns e prazas de carga e descarga, principais reclamacións veciñais á Xunta para a reformada PO-308
Por Redacción |