Adaptan beirarrúas en Caldas para mellorar a accesibilidade
Por Redacción
Durante as últimas semanas acométense en distintos puntos de Caldas obras para rebaixar a altura das beirarrúas converténdoas en máis accesibles. As obras realizáronse nas proximidades ao Colexio Alfonso VII e ao Xardín Botánico, situado na avenida José Salgado.
Tamén se realizan rebaixas de bordos de beirarrúas e mellora dos pasos de peóns na avenida Juan Fuentes, tamén nas rúas Fermín Mosquera e San Roque, traballos que continuarán durante as próximas semanas noutras rúas do centro urbano e xardíns públicos como o da Carballeira ou A Tafona.
Este venres recibiuse o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para dotar dun ascensor as instalacións do Auditorio Municipal. Con esta incorporación, o Concello quere facilitar o acceso aos servizos do andar inferior e á sala de exposicións do mesmo xeito que á bancada do andar superior.
Ademais, o Concello ten en estudo a instalación dun ascensor que conecte a piscina municipal co pavillón polideportivo para facilitar o acceso a persoas con dificultades de mobilidade. O Concello de Caldas de Reis pon ao dispor da veciñanza o teléfono de avisos con whatsapp no número 647.574.316 para solicitar todo tipo de melloras en materia de accesibilidade. Tamén se poden comunicar a través do correo avisos@caldasdereis.com