A asociación veciñal 'Combarro', preocupada pola inseguridade da estrada PO-308
Por Oskar Viéitez
A asociación veciñal 'Combarro' ven de dar traslado aos grupos municipais no Concello de Poio e á Dirección Xeral de Estradas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da "situación de risco permanente" que teñen as persoas usuarias da estrada PO-308. Concretamente, no tramo entre Combarro e Chancelas.
A Xunta acometerá a mellora deste vial despois do verán, pero esta asociación entende que deberían de executarse "de forma provisional" unha serie de medidas como a delimitación das beiravías que teñen raia continua "coa colocación sobre a mesma, en ambos os sentidos, de bolardos reflectores, polo menos desde antes do cruzamento de baixada ao peirao da Canteira ata o cruzamento do Colexio de Chancelas e o cemiterio".
O presidente desta asociación veciñal, Valentín Silva, sinala nun escrito que "son numerosas as queixas pola ocupación da beiravía por vehículos que impiden o paso dos peóns, tendo estes que invadir a calzada, sobre de todo en fins de semana e no verán".
Por outra banda, a veciñanza tamén reclama un repintado dos pasos de peóns, iluminación cenital e sinalización luminosa en ambos os sentidos, "e deberían de estar todos dotados de semáforos por ser unha vía urbana".
Relacionadas:
-
Agís carga contra a Xunta por modificar o proxecto da PO-308 entre Fontenla e Combarro suprimindo aparcamentos
Por Redacción |
-
Valoran nuns cen mil euros o proxecto para mellorar a seguridade viaria e de servizos en Chancelas
Por Redacción |
-
"Cumprimento exemplar" da cidadanía do plan de tráfico de Combarro
Por Redacción |
-
Dáse á fuga tras provocar o atropelo dunha muller de idade avanzada en Combarro
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada