Dáse á fuga tras provocar o atropelo dunha muller de idade avanzada en Combarro
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Garda Civil investiga o atropelo que se rexistraba no municipio de Poio durante a noite deste sábado 16 de abril no que unha muller de idade avanzada sufría feridas de gravidade tras ser golpeada por un vehículo na contorna de Combarro.
Segundo informa o 112 Galicia, o suceso rexistrábase ao redor das 21.45 horas, cando varias persoas particulares alertaban do atropelo que se rexistraba na estrada PO-308 no lugar da Pinela, á altura do Hotel Combarro, frente a la parada de autobuses.
Segundo as primeiras investigacións, un condutor realizaba unha manobra irregular provocando que outro turismo no momento de esquivalo golpease á muller. O condutor do primeiro vehículo dábase á fuga e a Garda Civil tenta localizalo para esclarecer os feitos.
Ata o lugar chegaban os integrantes da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Poio en primeiro lugar e posteriormente Urxencias Sanitarias de Galicia-061, integrantes da Policía Local e axentes da Garda Civil de Tráfico. A muller, veciña do municipio de Poio, atopábase en compañía da súa familia e tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo para someterse a un exame médico en que se detectaron fracturas de tibia e peroné, ademais de luxación nun ombreiro.
Non foi necesario cortar o tráfico, segundo informan desde Protección Civil de Poio, xa que a muller foi atendida inicialmente na beiravía ata o seu traslado ao centro hospitalario.