O TSXG confirma a condena a un cura salesiano por abusar de seis menores
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de confirmar a condena ao sacerdote Segundo C.V, profesor de relixión no colexio Salesianos de Vigo, por abusar sexualmente de seis menores que estaban ao seu cargo tanto no propio centro como noutras actividades extraescolares como unha peregrinación a Santiago ou campamento xuvenil organizado en Cambados.
A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a condena de 32 anos e medio de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra e contra a que o condenado presentara un recurso.
O salesiano presentou un recurso coa tese de que puido practicar os tocamentos outra persoa, pero os maxistrados do tribunal galego rexeitan os seus argumentos e sinalan que esa tes "preséntase absolutamente fóra dos parámetros probatorios".
Os maxistrados subliñan que as probas psicolóxicas que se practicaron sobre o acusado "en nada impiden a realización de feitos como os que nos ocupan".
A pesar de que o recurso do condenado pretende "establecer sombras de dúbida en canto ás testificais das vítimas", o alto tribunal galego sostén que esas declaracións cumpren con todos os parámetros de credibilidade e, ademais, están corroboradas pola proba pericial psicolóxica practicada aos afectados.
Tamén usaba como argumento no seu recurso que os feitos non se denunciaron de inmediato. Os xuíces responden que, segundo a súa experiencia, os abusos a menores "non sempre son denunciados de modo inmediato". Ese atraso, segundo explican na sentenza, "obedece a moitas circunstancias, entre as que se poderían citar: o sentido de culpa, o medo a ser tratados como mentireiros ou a sensación de impunidade, tendo en conta a personalidade de quen realiza os abusos e a súa posición de dominio na contorna escolar e, diriamos tamén, no biolóxico, aínda que só sexa pola diferenza de idade".
O TSXG tamén fai referencia ao argumento esgrimido no recurso en relación "cunha posible magnificación dos feitos". Así, sinala que "a posibilidade de comentar todo o ocorrido antes do inicio das dilixencias penais vén dado polo contexto en que os feitos se producen, dous campamentos e un proceso de instrución por parte do colexio certamente innecesario".
A Sala subliña que o apelante, "que certamente non organizou nin a camiñada de Valga, nin o campamento de verán coa finalidade de practicar abusos", aproveitouse "da circunstancia de ocupar as mesmas dependencias e compartir cos menores as noites dunha e outra actividade, cunha maior facilidade para os seus fins derivada da confianza dos menores e das posibilidades de desprazamento que na súa condición de director e monitor tiña".
O TSXG recalca que "a superioridade ou prevalencia do apelante sobre os menores" é manifesta, pois trátase "dun profesor de relixión, director de actividades, monitor, director tamén das actividades da asociación Abertal, que só por tal condición xa se sitúa nun plano de superioridade indubidable sobre os alumnos e, concretamente, sobre as vítimas".
Os maxistrados, ademais, engaden que esa superioridade "éo tamén desde o propio recoñecemento que as vítimas fan do hoxe recorrente, precisamente considerando que é un segundo pai ou alguén en quen confiar e, por tanto, descartando de inicio calquera comportamento que puidese resultarlles prexudicial".
Contra esta sentenza cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.
Relacionadas:
-
Orde nacional e internacional de detención do salesiano condenado a 32 anos de prisión por abusar de menores
Por Redacción |
-
En busca e captura o sacerdote condenado a 32 anos de cárcere por abusar de seis menores
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- A sociedade está preparada para protexer a menores de abusos e acoso? "estar preparado e actuar non é o mesmo"
Por Marisa Ciordia |
-
Trinta e dous anos de cárcere para un sacerdote de Vigo que abusou de seis menores
Por Alejandro Espiño |
-
"Os tocamentos, por moi fugaces que sexan, son abusos sexuais"
Por Natalia Puga |
-
Os forenses consideran "creíble" o relato dos menores que acusan de abusos sexuais ao cura dos Salesianos
Por Oskar Viéitez |
-
Xuízo ao cura salesiano: "No denunciaron antes porque tenían miedo a que no les creyeran"
Por Oskar Viéitez |