Limpeza de primavera nos espazos públicos de Bueu
Por Redacción
O goberno local de Bueu puxo en marcha unha operación de limpeza en distintos puntos do municipio para estes meses en que comeza o tempo asollado para que a veciñanza poida gozar dos espazos públicos.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitaba este martes o lugar de Sabarigo, na parroquia de Cela. Alí acometeuse a limpeza e acondicionamento do parque da Nogueira, do lavadoiro e da fonte da Fanequeira. O Concello contratou para estas accións aos servizos da Fundación para a Discapacidade e Emprego Xoán XXIII.
Como en anos anteriores, este servizo ocuparase de arrombar diversas zonas das tres parroquias. Esta semana continuarán pola contorna de Portomaior, tanto nos accesos á praia como en todo o espazo próximo. A continuación desenvolverá estes labores en aldeas como Soutelo, Cividade, Valado, A Graña, Ramorta, Meáns ou Loureiro, entre outras.
Tamén a brigada de obras e servizos municipal está a realizar traballos de limpeza do camiño de Carrasqueira. Está previsto que continúa pola senda do río Bispo desde a zona de Valado ata o centro urbano. Por último, actuarán no tramo superior cara á zona de Portela.
Ao mesmo tempo, o Concello de Bueu está a mellorar a sinalización horizontal e vertical no centro urbano e nas parroquias, coa instalación de sinais e pintado de vaos e prazas de estacionamento para diversos servizos e destinadas a persoas con capacidades diferentes. Neste sentido, Félix Juncal destaca o traballo afrontado na zona próxima ao parque Ramal dos Gafos para facilitar o acceso.