Chamamento aos hostaleiros de Bueu para que participen na Festa do Polbo
Por Redacción
O Concello de Bueu recuperará este ano a XXI Festa do Polbo, un evento que se tivo que suspender nas dúas últimas edicións debido á pandemia e que volverá celebrarse os días 13, 14 e 15 de agosto. Así se acordou na reunión celebrada este luns na que estiveron presentes Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e diversos hostaleiros da vila.
Logo desta primeira xuntanza, o Concello de Bueu fai un chamamento aos locais de hostalaría para que, no caso de ter interese en participar na festa, se inscriban antes do 15 de maio de forma presencial no 2º andar da Casa Consistorial ou enviando un correo a concello@concellodebueu.gal .
A partir desa data, dende a concellaría de promoción económica e turismo, traballarase na organización deste evento que contará coas habituais especialidades gastronómicas e con actividades culturais e de promoción deste cefalópodo.
A Festa do Polbo naceu coma un proxecto para pór en valor o polbo das rías, e por iso cada ano se ofrece unha programación ampla e variada na que as persoas asistentes poden degustar unha gran variedade de especialidades elaboradas con este cefalópodo, como empanadas de trigo e millo, pizzas, croquetas, fabas con polbo, polbo á feira, ou polbo en caldeirada, entre outras moitas.
Cunha vintena de anos de historia, a día de hoxe é un dos eventos máis exitosos da tempada estival no municipio bueués.
Relacionadas:
-
Volve o polbo fresco ás lonxas galegas
Por Redacción |
-
Dous euros máis por ración: a Festa do Polbo, abocada a subir os prezos
Por Redacción |
-
Ata xullo non haberá polbo fresco
Por Redacción |
-
Leve descenso do paro en abril ligado ao sector servizos
Por Oskar Viéitez |
-
Limpeza de primavera nos espazos públicos de Bueu
Por Redacción |
-
Fomentar o turismo sostible e de calidade, fundamento base da nova asociación TodoMorrazo
Por Redacción |