Feridas dúas mulleres en dous accidentes de tráfico en Ribadumia
Por Redacción
Efectivos do servizo de emerxencias de Cambados tiveron que actuar este domingo por partida dobre no municipio de Ribadumia. Fixérono para atender a dous accidentes de tráfico que se saldaron con dúas mulleres feridas.
O primeiro dos sinistros ocorreu sobre as 07:39 horas na Rúa Castaños.
A vítima foi unha muller de 43 anos que perdeu o control do seu coche e chocou contra o portalón dunha vivenda. Foi atendida por unha ambulancia do 061.
Pouco antes das dúas e media da tarde produciuse o segundo dos accidentes. Foi na vía rápida VG-4.2, ao seu paso polo municipio, e consistiu no choque entre dous vehículos.
A condutora dun deles, unha muller de 88 anos, foi trasladada ao Hospital do Salnés con dor cervical e lumbar, mentres que a outra vítima, de 34 anos, resultou ilesa.
En ambos os casos, ademais de Emerxencias de Cambados, ao lugar tamén se desprazaron axentes da Garda Civil de Tráfico e efectivos de Protección Civil de Ribadumia.