Bota a andar a pioneira Ruta de Tapas de Galicia, con 17 paradas en Pontevedra
Por Redacción & Diana Eiras
Xa botou a andar a I Ruta de Tapas de Galicia. A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco, inaugurou a iniciativa este venres cunha degustación das propostas de dous establecementos da cidade que participarán no I Campionato de Tapas de Galicia, a Adega dos Avós e a Creperie Cre-Cottê.
Ese campionato será o colofón da ruta que botou a andar este venres. Ata o 1 de maio poderán degustarse as tapas e entre os días 2 e 3 de maio terá lugar o campionato na Finca Batacos.
Yoya Blanco amosouse entusiasmada co "pistoletazo de saída deste pioneiro itinerario" gastronómico e lembrou que "xamais se tiña deseñado unha Ruta de Tapas tan extensa e ambiciosa, que nos permite viaxar por toda a comunidade degustando estas delicatessen da gastronomía en miniatura".
O campionato está organizado polo Concello de Pontevedra -dentro de Pontevedra, Capital Gastro- e a Academia da Tapa e do Pintxo de España e inclúe a organización do I Concurso de Fotografía de Tapas de Galicia, con premios de 300, 200 e 100 euros para os autores das tres mellores instantáneas.
A I Ruta de Tapas de Galicia é un percorrido por medio centenar de restaurantes e bares das catro provincias que ofrecen as propostas máis variadas, desde novas creacións a petiscos consagrados e auténticos emblemas dos locais participantes.
Na lista de bares e restaurantes inscritos, constan 17 da nosa cidade: ademais da Adega dos Avós e a Creperie Cre-Cottê, Raxería Lola, El Cafetín, Merluzateca, Causa Street Food, Meigas Fóra, Mar de Fóra, La Culpa de la Gula, Restaurante Alcrique, Restaurante Bocarte, Loaira Xantar, A Fervella, Arepa’s Gastro Bar, Delicious Food e Gumer.
Todos os locais estarán identificados con cartelería específica e o certame contará cunha ampla promoción en redes sociais a través das contas de Facebook e Instagram @pontevedracapitalgastro e @academiadelatapaydelpintxo.
Os organizadores repartiron entre os participantes 100 manteis dun único uso, un cartel para apuntar o nome do petisco no espazo en branco e un cartel do Campionato en formato A3 para cada un dos establecementos.
Esta Ruta de Tapas conta co respaldo de Estrella Galicia, Auga Cabreiroá, Makro, o CRDO Ribeiro e Carrefour, así como coa colaboración de Bodegas Lodeiros, LavAzza, Tartuflanghe e Maquichef
Relacionadas:
-
Ao rico tapeo para demostrar o "alto nivel" da cociña en miniatura de Galicia e a Boa Vila
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Que proxecto apoiarías: Cultivos hidropónicos, cócteles con viño, un restaurante sobre o Lérez, rutas no río, ou caixas sorpresa de comida galega?
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
'Ponte Almorzo', nova iniciativa para impulsar a hostalería de Pontevedra
Por María José Pita |
-
A Estrela Michelín Yolanda León presidirá o xurado do I Campionato de Tapas de Galicia
Por Redacción |
-
Medio centenar de chefs competirán en Pontevedra no primeiro campionato de tapas de Galicia
Por Manu Otero |