Circular por beirarrúas, principal infracción das bicicletas e patinetes eléctricos na cidade
Por Natalia Puga
Na cidade de Pontevedra "hai convivencia e non hai problemas de convivencia entre peóns e bicis e VMP". Así o acaba de demostrar a última campaña especial de vixilancia posta en marcha pola Policía Local, na que se centrou no cumprimento da ordenanza de mobilidade de Pontevedra reguladora da actividade das bicicletas e Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), así como da normativa estatal sobre esta materia.
A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, deu conta da campaña este venres e explicou que tanto nos días de especial vixilancia -do 4 ao 10 de abril- como na semana seguinte -ata o día 19- os policías locais detectaron un total de 34 infraccións, a maioría delas por circular por beirarrúas cando a normativa obriga a estes vehículos a ir pola calzada e no mesmo sentido de circulación que o resto de vehículos.
Segundo os datos facilitados por Vilaverde, 30 das 34 denuncias formuladas polos axentes durante esas dúas semanas foron por esa infracción. Delas, tres foron a usuarios de VMP e 27 a usuarios de bicicletas.
Aínda que están considerados VMP moitos tipos de vehículos, os máis frecuentes son os patinetes eléctricos. Tamén entran nesta categoría os scooter eléctricos, monociclos eléctricos, segway ou hoverboard.
Ademais, foi denunciado un ciclista por ir falando polo móbil e outro dar positivo en consumo de alcohol e ao dono dun VMP denunciárono por circular dúas persoas a pesar de que tan só está autorizada unha.
A pesar de que existen queixas cidadás por vehículos deste tipo circulando en sentido contrario, durante os días de control non se detectou ningunha infracción. Eva Vilaverde si recoñece que hai constancia de que existe esta conduta, pero non se detectou oficialmente durante estes días.
O balance da campaña e dos días seguintes durante a Semana Santa recolle a rúa con máis denuncias foi Benito Corbal, cun total de catro. Ademais, houbo tres denuncias en Echegaray e Loureiro Crespo e dúas en Bos Aires, Cobián Areal, Conde Bugallal e 12 de Novembro.
A maioría das denuncias realizáronse entre o 4 e o 10 de abril e nos días seguintes houbo dúas. Isto constata que, durante o tempo de especial vixilancia, detéctanse máis infraccións, pero tamén que a Policía Local está atenta sempre ao cumprimento das normas destes vehículos.
Eva Vilaverde recoñeceu que nos últimos tempos tiñan constancia de "certas queixas entre a veciñanza" pola velocidade á que circulan estes vehículos e polo seu mal uso das zonas de convivencia peonil. O control de velocidade non foi obxecto específico desta campaña, pero no que ten que ver co resto das normas, constatouse que as persoas que non cumpren son "unha minoría".
Os datos, segundo asegura a concelleira de Protección Cidadá, constatan que Pontevedra é "unha cidade amable" na que "non existen problemas a este respecto". A cidade "está ordenada" e esas "condutas insolidarias" son unha minoría e "non encaixan na mobilidade da cidade de Pontevedra".
De feito, tirou de estatísticas para sinalar que no que vai de ano 2022 non houbo ningún accidente de bicicletas en Pontevedra e tan só un cunha bicicleta asistida, unha caída. No que ten que ver cos VMP, houbo tres sinistros, un por un atropelo nunha beirarrúa, un pola apertura da porta dun turismo e unha caída.
Nos anos anteriores, constatouse unha redución da sinistralidade de bicicletas e un aumento nos VMP que é consecuencia directa de que nestes anos foron aumentando os que circulan pola cidade.
Así, en 2018 houbo 17 accidentes de bicicletas, en 2018 foron 18, en 2020 baixaron a 12 e en 2021 foron 11. No caso dos VMP, en 2018 e 2019 non houbo e en 2019 e 2020 rexistráronse seis cada ano.