Un ciclista, ferido ao ser atropelado na avenida de Vigo
Por Anxo Lourido
Un ciclista resultaba ferido a primeiras horas da tarde deste domingo 11 cando circulaba polo centro urbano de Pontevedra.
Segundo testemuñas presenciais, un turismo impactaba contra a bicicleta ao redor das 14.00 horas no cruzamento entre a avenida de Vigo e a avenida de María Vitoria Moreno. Persoas que se atopaban pola zona, alertadas polo accidente, tentaron socorrer inicialmente ao ciclista que quedou prostrado sobre a calzada.
Ata o lugar desprazáronse dúas dotacións da Policía Local de Pontevedra, que investigan as causas do accidente.
O ciclista foi trasladado ao Hospital Montecelo para someterse a unha exploración dos danos sufridos con motivo do atropelo. Segundo a Policía Local, inicialmente as feridas que presentaban eran de carácter leve.