A Policía Local visitará os colexios para formar en educación vial aos escolares
Por Redacción
A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, acompañada polo oficial de Policía Local Jose Luís Domínguez, presentou este venres a campaña de educación viaria que comezará o vindeiro luns nos colexios de Pontevedra.
O obxectivo desta campaña, que coordinará a Policía Local, pasa por explicar nas aulas o modelo de mobilidade amable da Boa Vila, así como de informar sobre a ordenanza de mobilidade e todas as normas de circulación e convivencia que poden afectar os nenos e nenas.
"Intentamos que entendan que esta é a súa cidade e o funcionamento das rúas e dos espazos publicos e que saiban tamén que hai cousas que non se poden facer" dixo Vilaverde.
A primeira fase estará centrada no alumnado de sexto de Primaria e comezará o luns no CEIP Parada de Campañó. Os escolares recibirán en primeiro lugar unha charla teórica duns 50 minutos por parte dun dos axentes para, a continuación, saír á rúa e recibir información práctica sobre as infraccións que se cometen e os perigos de incumprir as normas de circulación.
Pero o máis interesante será cando os propios estudantes collan os seus vehículos. Sobre bicicletas ou patinetes coñecerán de primeira man as normas que regulan o uso destes vehículos e os perigos que entraña o seu incumprimento.
Ao terminar a sesión recibirán un diploma e un carné de "bo pontevedrés". Explica o oficial Domínguez que o que máis sorprende destas clases é que ao terminar, os alumnos comprenden por que non se deben cometer infraccións comúns, que entendían como normais e inofensivas, como aparcar o coche encima da beirarrúa cando os seus pais recóllenos na porta do colexio.