Crear unha residencia para maiores no Monte Beiros, obxectivo do goberno local de Cuntis
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O goberno local de Cuntis quere construír unha residencia para persoas maiores situada nas proximidades do Centro de Día, que se atopa no Monte Beiros. O anteproxecto presentouse á convocatoria de subvencións con cargo aos fondos europeos dentro do acordo marco para o desenvolvemento do Plan de Investimentos para a construcións de equipamentos sociais públicos municipais asinado entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O investimento ascende a 2.146.000 euros. O Concello espera obter o máximo financiamento que establecen as bases que se sitúa en 1.200.000 euros. En caso de lograla, o proxecto centraríase en crear unha residencia con baixo e planta de 846 metros cadrados con capacidade para 42 prazas de aloxamento.
A idea sería que a estrutura ofrecese unha forma irregular para aproveitar ao máximo a superficie dispoñible da parcela que é de 2.751 metros cadrados. O proxecto contempla 3.464 metros cadrados, que se urbanizarán para ordenar a contorna inmediata ao inmoble, segundo indican desde o Concello. Contará cun patio interior, áreas administrativas e unidades especializadas, ademais dunha zona de convivencia para vinte persoas na planta baixa. Na planta alta tamén se contempla unha unidade de convivencia para outras 22 persoas, con terraza para espazo libre.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, sinala que o actual Centro de Día é insuficiente para atender as necesidades da poboación de Cuntis. "Estamos convencidos de que a localización é perfecta", indica o rexedor respecto ao proxecto para a construción da residencia e móstrase optimista para lograr o financiamento para acometer a obra.
Relacionadas:
-
O centro de día de Cuntis terá dez prazas máis para o ano que vén
Por Redacción |
-
O alcalde de Cuntis presenta a Agadea o proxecto do futuro complexo residencial para maiores previsto no Monte Beiros
Por Redacción |
-
Organizan un ciclo de obradoiros de envellecemento, autocoidado e saúde para a veciñanza de Cuntis
Por Redacción |