Revolución da mobilidade en Campañó, que sumará un núcleo de centralidade parroquial
Por Redacción
A revolución de mobilidade posta en marcha polo Concello de Pontevedra en parroquias do rural chegará agora a Campañó, onde se porá en marcha un proxecto de acondicionamento da contorna do colexio de Parada que mellorará a seguridade viaria e permitirá crear un núcleo de centralidade parroquial similar aos xa postos noutros puntos como Os Campos ou Salcedo.
O concelleiro coordinador do Rural, Alberto Oubiña, presentou o proxecto este martes e anunciou que o Concello licitará as obras nas vindeiras semanas.
A proposta municipal estará financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con cargo a Estratexia de Desenvolvemento Urbano e Sostible (EDUSI) 'Máis modelo Pontevedra' e ten un custo previsto de 470.000 euros.
O proxecto final está pendente das incorporacións que poidan facer a comunidade escolar e a veciñanza nun encontro que manterán cos concelleiros Pilar Comesaña e Alberto Oubiña o vindeiro martes, 19 de abril. Pola mañá estarán coa comunidade escolar e pola tarde coa veciñanza do lugar.
A actuación central será no ámbito do colexio e completarase coa actuación en dous ámbitos próximos: a fonte de Agriño e do Lavadoiro da Vila, conectados co centro de ensino a través de camiños que tamén se tratarán nesta actuación.
Segundo os datos facilitados por Oubiña, o Concello prevé realizar unha ordenación do interior e do exterior do colexio. No interior mellórase o estacionamento dos autobuses, a vexetación e a integración rural do colexio. No exterior farase un axardinamento central que fixará un só carril de circulación pero que creará espazo suficiente para que poidan pasar os peóns.
Na fonte de Agriño vaise crear un espazo de encontro e estancia con bancos, recuperando todos os elementos patrimoniais da fonte e tamén os paisaxísticos.
Na zona do Lavadoiro da Vila, vaise recuperar o lavadoiro tradicional e crearase outro espazo de lecer vinculado á auga.
As tres actuacións realizaranse en pedra, agás as vías do centro de ensino que irán en asfalto e adoquín. Os camiños que conectan os distintos ámbitos serán de xabre e os seus muros, de formigón abugardado.
Relacionadas:
-
Adxudicadas as obras para mellorar a mobilidade da contorna do colexio de Campañó
Por Natalia Puga |
-
Comezan as obras de mellora en sete parroquias do rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Pontevedra pecha o ano licitando obras por 4,5 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Campañó, Marcón e Xeve, obxectivo das últimas obras no rural
Por Redacción |