Campañó, Marcón e Xeve, obxectivo das últimas obras no rural
Por Redacción
O departamento do rural do Concello de Pontevedra que xestionan os concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña segue adiante coa mellora das vías e dos espazos públicos nas 15 parroquias do rural ás portas da primavera. Nestas semanas os traballos máis salientables centráronse nas parroquias de Campañó, Marcón e de Santa María de Xeve.
No caso da parroquia de Santa María de Xeve, fíxose unha mellora no acceso ao novo campo de fútbol xa que, debido á chuvia do inverno, estaba moi deteriorado. A intervención foi en xabre e con carácter provisional até que se faga unha actuación permanente.
No lugar do Ribeiro, na parroquia de Campañó, estase a mellorar a rede de pluviais, que supón a rehabilitación superficial do firme e o balizamento da vía do Ribeiro até A Bouza. Este investimento é de 48.100 euros.
Tamén se mellorou a rede de pluviais no núcleo de Pintos, na parroquia de Marcón, que supuxo, tamén, a rehabilitación superficial de todo o firme e o arranxo de drenaxes. O investimento foi de 48.000 euros.
A Concellaría está a realizar as melloras con fondos do contrato de sostemento dos espazos públicos rurais que supera o millón de euros de investimento; así como con partidas por fóra deste contrato como no caso de Campañó ou Marcón que se achegaron aos 100.000 euros no seu conxunto.
O contrato de sostemento dos espazos públicos rurais ten un custe global de 1.082.949 euros para un prazo de 3 anos e foi adxudicado á empresa pontevedresa E.C.Casas. Ten por obxecto actuar con rapidez, precisión e eficacia en pequenas incidencias e reparacións, que aínda que pola súa envergadura poidan non parecer importantes, repercuten no día a día dos veciños das parroquias como puido ser o caso do acceso ao campo de fútbol de Santa María de Xeve.
Con cargo a este contrato, neste momento execútanse traballos en todas as parroquias como bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións.
Este investimento obedece á política marcada polo Goberno Local de destinar 100 millóns de euros neste mandato ao rural.
Na actualidade o departamento que xestiona Alberto Oubiña en colaboración con outras carteiras do Goberno Local están a executar investimentos de gran transcendencia para o rural.
En Mourente, o núcleo de centralidade dos Campos, que inclúe o Local Social dos Campos, un local para o Grupo de Desenvolvemento Rural e unha nova vía que conecta Tafisa cos Campos, cun orzamento total de 2.200.000 euros
En Marcón, o parque forestal da Fracha, cun orzamento de 450.000 euros e que se entregará o mes de abril. Tamén en Marcón, está proxectado o núcleo de centralidade por valor de 500.000 euros.
En Tomeza, o núcleo de centralidade en marcha ten un investimento de 460.000 euros.
En Campañó, o parque forestal de A Tomba, cun orzamento de 370.000 euros, acaba de ser recibido polo Concello.
Especialmente significativos son os investimentos do ciclo da auga (saneamento e abastecemento), nos que o Concello está a destinar, nestes momentos 41 millóns de euros (O investimento total en saneamento e abastecemento superará os 58 millóns).
Tamén se inclúen todos os traballos de eficiencia enerxética deste mandato. En tramitación están os proxectos de Santo André e Santa María de Xeve, e de Verducido por valor de 1 millón de euros; o de Alba, Cerponzóns e Campañó por valor de 1,3 millóns de euros; e acábase de rematar a substitución de todo o alumeado da parroquia de Lourizán por valor de 272.000 euros.
Relacionadas:
-
Revolución da mobilidade en Campañó, que sumará un núcleo de centralidade parroquial
Por Redacción |
-
Alberto Oubiña dá conta das últimas actuacións nas parroquias pontevedresas
Por Redacción |
-
Oubiña invita á veciñanza das parroquias a sumarse ás acometidas de saneamento e abastecemento
Por Redacción |
-
Paso definitivo para completar o saneamento de Santa María de Xeve
Por Redacción |
-
Una senda peonil unirá os núcleos de centralidade de Casal do Río e Lusquiños
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Rúa da Santiña será reformada combinando o modelo de cidade co rural dando continuidade ao Camiño de Santiago
Por Redacción |
-
Pontevedra ten en execución obras de saneamento e abastecemento por 41 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Millón e medio de euros para levar a subministración de auga a 320 vivendas de Tomeza
Por Alejandro Espiño |