As novas normas de tráfico, ao detalle
Por Natalia Puga
A nova Lei de Tráfico que entrou en vigor o pasado 21 de marzo reflicte os cambios que se están producindo na sociedade española á vez que profunda en atallar as causas que están detrás do maior número de accidentes e infraccións. Adáptase, por tanto, aos tempos actuais, incorpora os vehículos de mobilidade persoal, dota de maior seguridade aos usuarios das bicicletas, incorpora a política de medioambiente, establece, por primeira vez, a regulación do vehículo autónomo, implanta o permiso de conducir en soporte dixital a través da app MIDGT e non se esquece de elementos esenciais da seguridade viaria como as distraccións, a velocidade, o alcol e o non uso do cinto de seguridade.
Estes son os principais cambios:
Levar o móbil na man. Aumenta de 3 a 6 os puntos para detraer por utilizar, suxeitando coa man, dispositivos de telefonía móbil mentres se conduce. Os motoristas tampouco poderán levar o móbil axustado entre o casco e a cabeza. Por que? Desde 2016 as distraccións ao volante son a primeira causa dos accidentes mortais.
Intercomunicador entre motos. Autorízase a utilización de dispositivos inalámbricos certificados ou homologados para o seu uso no casco de protección con fins de comunicación ou navegación. Por que? É unha reivindicación reiterada do sector da moto
Cinto de seguridade e elementos de protección. Aumenta de 3 a 4 os puntos para detraer por non facer uso, ou non facelo de forma adecuada, do cinto de seguridade, sistemas de retención infantil, casco e demais elementos de protección obrigatorios. Por que? 1 de cada 4 falecidos en accidente de tráfico segue sen facer uso do cinto de seguridade.
Velocidade para adiantar. Suprímese a posibilidade de que turismos e motocicletas poidan pasar en 20 km/ h os límites de velocidade nas estradas convencionais cando adianten a outros vehículos. Por que? 2 de cada 3 sinistros mortais prodúcense en estradas convencionais.
Inhibidores de radares. Levar inhibidores de radares ou cinemómetros nos vehículos está prohibido, estean conectados ou non. Por que? Son sistemas que interferen no correcto funcionamento dos sistemas de vixilancia de tráfico polo que non se permite levalos. Facelo supón a perda de 3 puntos.
Alcol. Os condutores menores de idade que conduzan calquera vehículo non poderán circular cunha taxa de alcol superior a 0,0, tanto en sangue como en aire expirado. É unha infracción que non cambia, segue tipificada como moi grave: 500 euros de multa. Por que? Se está prohibida a venda de alcol aos menores, a DXT considera lóxico a súa correspondencia na condución. No 27% dos accidentes de 2020 o principal factor concorrente era o alcol.
Ciclistas. É obrigatorio, en vías con máis dun carril por sentido, cambiar por completo de carril cando se proceda a adiantar a ciclistas ou ciclomotores. Auméntase de 4 a 6 os puntos para detraer cando se adianta poñendo en perigo ou entorpecendo a ciclistas sen deixar a separación mínima obrigatoria de 1,5 metros e prohíbese parar ou estacionar en carril bici ou en vías ciclistas. Por que? En 2020 en España faleceron 71 ciclistas en sinistros de tráfico.
Carril bici. Está prohibido parar ou estacionar o teu vehículo no carril bici ou en vías ciclistas.
Recuperación dos puntos do carné. Unifícase en 2 anos o prazo que ten que transcorrer sen cometer infraccións que detraen puntos para que un condutor poida recuperar o seu saldo inicial de puntos. Por que? Ata a aprobación da reforma da Lei, este período variaba en función da gravidade da infracción cometida. Simplificouse, de modo que sexa de máis fácil a súa comprensión e comunicación.
Cursos de condución segura e eficiente. Poderanse recuperar 2 puntos do carné pola realización de cursos de condución segura e eficiente. Unha Orde Ministerial desenvolverá os requisitos necesarios e as condicións que deben de cumprir. Estes cursos están a consolidarse como unha boa práctica e supoñen unha formación adicional para os condutores.
Obxectos á vía. Pasa de infracción grave a moi grave lanzar á vía ou nas súas inmediacións obxectos que poden producir accidentes ou incendios. Esta infracción supón a perda de 6 puntos e a sanción de 500 euros.
Zonas de Baixas Emisións. Introdúcese unha nova infracción grave, con 200 euros de contía por non respectar as restricións de circulación derivadas da aplicación dos protocolos ante episodios de contaminación e das zonas das baixas emisións. A Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética obriga aos municipios de máis de 50.000 habitantes a establecer Zonas de Baixas Emisións antes do 1 xaneiro de 2023.
Fraude nas probas de obtención do permiso de conducir. Introdúcese, como infracción moi grave sancionada con 500 euros, utilizar dispositivos de intercomunicación non autorizados regulamentariamente nas probas para a obtención e recuperación de permisos ou licenzas de condución ou outras autorizacións administrativas para conducir ou colaborar ou asistir coa utilización dos devanditos dispositivos. Ademais, o aspirante non poderá presentarse de novo ás probas para a obtención do permiso no prazo de 6 meses.
Peóns. Os peóns teñen preferencia de paso sobre os vehículos nos pasos para peóns, nas beirarrúas e nas zonas peonís.
O carné no móbil. Xa non é necesario levar fisicamente o teu permiso de conducir. A través da App miDGT.
Vehículos de Mobilidade Persoal. Os VMP teñen prohibido circular por autoestradas e autovías.
Relacionadas:
-
A DGT pon en marcha ata o domingo 20 unha campaña especial de control de alcol e drogas
Por Natalia Puga |
-
Unha semana co ollo máis atento á velocidade de vías convencionais e urbanas
Por Redacción |
-
O Ministerio de Transportes ábrese a que a Lei de Cambio Climático recoñeza a eficacia do "modelo Pontevedra"
Por Redacción |
-
"Podemos crer que un só segundo non vai afectar á nosa capacidade de control do vehículo, pero non é certo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra incrementou nun 24% os desprazamentos peonís e ciclistas na última década
Por Redacción |
-
O 6% dos condutores con permiso foron sancionados o ano pasado na provincia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |