Malestar no Concello polo informe favorable da Xunta ao soterramento dos pasos a nivel nos Praceres
Por Oskar Viéitez
O concelleiro coordinador do Rural de Pontevedra, Alberto Oubiña, informou este luns que a Xunta acaba de emitir un informe favorable ao proxecto de supresión dos pasos a nivel, no ramal de acceso ao porto de Marín na contorna da praza dos Praceres que elaborou o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ( Adif).
O Concello de Pontevedra sempre se opuxo a esta solución ofrecida por esta entidade dependente do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana ao entender que supón "a desfeita da parroquia de Lourizán" que quedará cortada en dúas, tal e como lembrou a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías.
Alberto Oubiña valorou o visto e prace da administración autonómica como "moi indignante" sinalando que supón "un abandono total da parroquia por parte da Xunta" e asegurando que este é o "sentir xeral dá veciñanza de Praceres".
O que propón Adif para cumprir coa sentenza é a supresión dos pasos a nivel creando tres pasos subterráneos nos Praceres (un deles unicamente para uso peonil). Un paso estará na rúa do Areal que daría á zona da igrexa, que se transformaría nun novo acceso que xeraría unha rúa nova, e outro na rúa da Praia que obrigará desprazar a rotonda que está preto da zona, para introducila máis na avenida Montero Ríos, para dar acceso á praia e ao colexio Sagrado Corazón.
O proxecto bloquea por completo o paso a nivel, colocando paneis de policarbonato e unha sorte de xardíns verticais, impedindo a visión e o acceso no lugar o que faría inviable o proxecto municipal do Parque da Dignidade que conta xa con autorización de Costas.
O edil nacionalista ha reiterado que "desde o concello imos manter a mesma postura que tiñamos ata o de agora contra este despropósito co que o Adif, agora coa conivencia da Xunta, pretenden soterrar á veciñanza"
Ademais, engade Alberto Oubiña que este proxecto "non garante a seguridade" das persoas que utilicen estes pasos soterrados, polo que reiterou o apoio do concello aos veciños afectados "cremos que en Madrid teñen que rectificar" e modificar este trazado "trasladando a vía fóra da praza" porque "non cremos que a solución sexa soterrar ás persoas".
Relacionadas:
-
Lores, sobre o soterramento dos pasos a nivel dos Praceres: "vai empeorar o estado da praza"
Por Natalia Puga |
-
Sae a licitación por 10,8 millóns de euros a supresión dos pasos a nivel na Praza dos Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
O PP sinala que é o PSOE quen debe dar explicacións polos pasos subterráneos deseñados polo Goberno central na Praza de Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
BNG levará ao Congreso as reclamacións da veciñanza de Lourizán para solucionar os problemas dos pasos a nivel
Por Redacción |
-
Adif propón suprimir os pasos a nivel nos Praceres e o Concello considérao "unha traizón aos veciños"
Por María José Pita |