Lores, sobre o soterramento dos pasos a nivel dos Praceres: "vai empeorar o estado da praza"
Por Natalia Puga
A licitación da obra de supresión dos pasos a nivel do tren na praza dos Praceres non cambia a postura do Concello de Pontevedra contra esta actuación. Este luns que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publica o anuncio do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para licitar a obra por 8,9 millóns, o alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que a súa postura é "sempre a mesma".
"Esta obra vai empeorar o estado da praza dos Praceres", asegurou en declaracións aos medios de comunicación en Estribela, a pouca distancia da zona de actuación.
A solución licitada pasa por soterrar os tres pasos a nivel en execución da sentenza que ilegaliza os pasos do ferrocarril por esta praza da parroquia de Lourizán.
A obra chega 18 anos despois da primeira sentenza que en 2004 condenou á Administración Xeral do Estado, e cando a resolución xudicial xa é firme por parte do Tribunal Supremo.
Agora que a supresión será unha realidade, Lores sinalou que "non estamos dacordo con este proxecto que fixo o ministerio", en alusión ao actual Ministerio de Transportes, e advirte que ao soterrar os pasos vanse "inundar".
O alcalde insiste en que "hai que facer todo o que se poida facer para que o paso do tren afecte o mínimo posible" e este proxecto agora licitado non o fai, senón que "vai empeorar", de maneira que "non ten a anuencia do Concello de Pontevedra".
Esta solución chega tras dúas décadas de batalla xudicial entre o entón Ministerio de Fomento e os veciños desta parroquia pontevedresa, que contaron co apoio do Concello de Pontevedra.