Adif propón suprimir os pasos a nivel nos Praceres e o Concello considérao "unha traizón aos veciños"
Por María José Pita
O concelleiro coordinador do Rural de Pontevedra, Alberto Oubiña, informaba da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos que tivo lugar na mañá deste xoves 17 de febreiro.
O principal tema tratado refírese ao informe dos servizos técnicos municipais emitido nos pasados días en resposta ao proxecto de supresión dos tres pasos a nivel no ramal de acceso ao porto de Marín na contorna da praza dos Praceres (Lourizán) que publicaba Adif no Boletín Oficial do Estado o pasado 4 de febreiro e no que se anuncian expropiacións forzosas de terreos.
Oubiña lembrou que é un asunto que leva moitos anos tratándose e que o Concello de Pontevedra está moi pendente del. O concelleiro explicaba que o que propón Adif é a supresión dos pasos a nivel en dous puntos dos Praceres. Un na rúa do Areal, que se transformaría nun novo acceso que xeraría unha rúa nova, e outro na rúa da Praia.
"O primeiro acceso, o que está máis preto da cidade, decorrería a través de parcelas e estaría lindeiro coa vivenda número 26. Este novo acceso daría á zona da igrexa. O segundo, na rúa da Praia, obrigaría desprazar a rotonda que está preto da zona, para introducila máis na avenida Montero Ríos, para dar acceso á praia e ao colexio Sagrado Corazón de Placeres. Os dous accesos levarían cadansúa beirarrúa e no segundo acceso unha zona de escaleiras", apuntaba o concelleiro coordinador do Rural, que desvelaba que Adif tamén pretendería bloquear por completo o paso a nivel, colocando paneis de policarbonato e unha sorte de xardíns verticais, impedindo a visión e o acceso no lugar.
Para o Concello de Pontevedra "isto é un auténtico despropósito, unha aberración que consumaría a división da parroquia de Lourizán ao partila en dous", comentaba Oubiña, quen engadía que "proxecto faría inviábel o proxecto municipal do Parque da Dignidade que conta con autorización de Costas, pois segundo os informes feitos pola área de Medio Ambiente, esta nova vía impide o acceso total ao parque, pois só conta cun acceso posíbel que quedaría bloqueado".
Os informes municipais falan dunha barreira física infranqueable que tamén xeraría unha barreira psicolóxica co tempo. Oubiña explica que os informes sinalan que a zona urbana afectada non só non melloraría a súa permeabilidade, senón que semella todo o contrario. Ademais, a mobilidade peonil só está contemplada a través dunhas beirarrúas nunha soa marxe, cun ancho de 1,5 metros desde a cara exterior da varanda de protección, incumprindo o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade, ao non xustificar un tamaño menor aos 1,8 metros establecidos pola normativa.
Doutra banda, o acceso desde a rúa da Praia ata a praza da igrexa queda bloqueado para persoas con mobilidade reducida polas escaleiras que non contan con rampla.
"Tamén percibimos un problema na seguridade ao non saber se é posíbel o paso de vehículos de emerxencia por estes novos accesos, como camións de bombeiros, nin tampouco queda explicado que pode ocorrer nas zonas baixo o nivel do mar no caso de que os bombeos fallen". Con respecto a estes bombeos, o edil denunciaba así mesmo que "non sabemos quen pagará a súa electricidade logo de anos insistindo ao Ministerio para pescudalo, e que deberían estar 24 horas traballando, nin sabemos que repercusións terán os seus ruídos".
O proxecto de Adif tamén elimina o campo da festa, lugar de encontro habitual para a convivencia social e a realización de festas populares e que, segundo os datos que aparecen no proxecto, non permitiría o acceso do camión dunha orquestra, entre outros.
Por estos motivos, Alberto Oubiña conclúe que, ao final, "quedaría unha zona illada, o que supón un desastre para a parroquia. Podemos ver este proxecto como unha auténtica navallada, unha traizón, ao non ser unha mellora do anterior, senón todo o contrario".
O concelleiro coordinador do Rural quixo lanzar unha mensaxe á veciñanza dos Praceres constatando o apoio do Concello de Pontevedra, "estamos do seu lado e que xa propoñemos nos informes técnicos o que xa dixemos no ano 2013, aprobado de xeito unánime pola Corporación Municipal: mudar o trazado da vía do tren, que se mova fóra da praza, que é o que todo o mundo quere e, visto o visto, o máis acaído".
*Adif é o acrónimo de Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, entidade dependente do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana que ten como obxectivo a construción de liñas de ferrocarril e a xestión da súa explotación.
Relacionadas:
-
O Concello achega novos informes contra os túneles para peóns na praza de Os Praceres
Por Redacción |
-
Lores, sobre o soterramento dos pasos a nivel dos Praceres: "vai empeorar o estado da praza"
Por Natalia Puga |
-
O PP sinala que é o PSOE quen debe dar explicacións polos pasos subterráneos deseñados polo Goberno central na Praza de Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
Malestar no Concello polo informe favorable da Xunta ao soterramento dos pasos a nivel nos Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
BNG levará ao Congreso as reclamacións da veciñanza de Lourizán para solucionar os problemas dos pasos a nivel
Por Redacción |
-
Instan ás administracións a cumprir as sentenzas do tren e dos recheos do porto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |