Condenado un estafador que pasou preto dun mes de vacacións de luxo nas Rías Baixas sen pagar
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Un ano, 9 meses e un día de prisión e o pago dunha indemnización de 4.576,83 euros. É a condena que deberá cumprir un home que entre febreiro e marzo de 2019 aloxouse en hoteis das Rías Baixas, comeu nos seus restaurantes e utilizou servizos de taxi e outro tipo de transportes sen pagar as facturas. Pasou dous meses de vacacións en locais que poderían considerarse de luxo facendo daquela un ' simpa'.
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar unha condena previa do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra que lle considera autor dun delito continuado de estafa polo que, ademais de entrar en prisión, deberá pagar aos hoteis e servizos utilizados as facturas acumuladas, que superan os 4.500 euros.
Así, deberá indemnizar ao Parador de Cambados con 710,52 euros, ao hotel Eurostars Isla de La Toja con 1891,75 euros, ao hostal restaurante Casa Rosita con 817,51 euros, ao Gran Talaso Hotel de Sanxenxo con 407,05 euros e a diversos servizos de transporte con 50 e 700 euros.
A sentenza considera probado que actuou "coa intención de obter un beneficio patrimonial ilícito e coa intención inicial de non pagar os servizos".
A primeira parada do seu percorrido foi o Gran Talasso Hotel de Sanxenxo, onde se aloxou entre o 13 e o 16 de febreiro e foise sen pagar 407,05 euros. Cambiouno polo Parador de Cambados e alí aloxouse ntre os días 16 e 19 de febreiro e marchou sen pagar 710,52 euros. De alí foise ao hotel Eurostars da Isla de La Toja, onde se aloxou entre os días 19 ao 25 de febreiro, e deixou sen pagar 1.891,75 euros.
Tras un breve período no que se descoñece o seu destino, pasou catro días no hostal restaurante Casa Rosita de Cambados. Entre os días 2 e 6 de marzo acumulou unha factura de 817,51 euros, que non pagou cando marchou.
Para que deixase este establecemento foi necesario a presentación dunha denuncia ante a Garda Civil e que posteriormente fosen axentes ao hotel e procedesen ao desaloxo do mesmo ao constatar a súa intención de non abonar a estancia. Aí finalizou o seu periplo, que se prolongou durante preto dun mes, tres semanas sen pagar.
Ás facturas sen pagar hai que sumarlle catro servizos de transporte, o 17 de febreiro uno de 50 euros en Cambados, o 18 de febreiro outro de 32 en Cambados, entre os días 4 e 5 de marzo diversos servizos de taxi por 50 euros e entre os días 16 a 19 marzo diversos servizos de transporte en taxi por 700 euros para ir a Oia, Portonovo e Cambados.
Durante todo eses días estivo aloxado en compañía dunha muller que tamén estaba acusada pola estafa, pero que acabou absolta.