Forzáns recupera a Festa da Cacheira tras o parón da pandemia
Por Redacción
A Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns (Ponte Caldelas) celebrou a Festa da Cacheira cunha concorrida participación veciñal que desfrutou polo reencontro despois de que o evento se vise interrompido pola pandemia.
As voluntarias e voluntarios da Cultural de Forzáns prepararon os ingredientes, limpando os produtos de primeira calidade, tanto os facilitados pola Carnicería de Cándido da Praza de Abastos de Ponte Caldelas como por Frutas Nieves, para que formasen parte do cocido tradicional que acompaña á cacheira.
Na sobremesa, proxectouse un vídeo a modo de homenaxe e lembranza de moitos socios e socias da Cultural de Forzáns que faleceron nos últimos tempos e fíxose un repaso en imaxes de toda un labor sociocultural ao longo dos 15 anos de vida desta entidade.
A continuación fíxoselle entrega dun agasallo de agradecemento a Josefa Blanco Osorio, propietaria do antigo Salón de Baile de Eulogio, local que acolleu os inicios desta asociación mentras non se remataba a construción do actual Centro Sociocultural de Forzáns, que xa leva 11 anos de funcionamento.
Ademais, tamén se agradeceu a Pablo Duarte e os seus amigos de Vilaboa a súa colaboración coas festas parroquias a través dunha mexillonada popular que se viña celebrando cada ano no campo das festas.
O dúo Oro Negro foi o encargado de amenizar a sobremesa cun baile que se prolongou ata a chegada da noite e que foi permitindo que os participantes fosen deixando donativos e axuda humanitaria para ser entregados aos refuxiados e vítimas da guerra de Ucraína a través de Cáritas de Ponte Caldelas e Protección Civil Oitavén-Tea.