Máis de 70 quilos de castañas para festexar o magosto en Forzáns
Por Redacción
A veciñanza de Forzáns, no concello de Ponte Caldelas, celebrou o sábado por todo o alto o seu magosto, tras a cancelación o ano pasado por causa da situación sanitaria.
Máis de 70 quilos de castañas asadas e cocidas foron degustadas polos asistentes ao magosto, organizado pola Asociación Cultural O Torreiro e a Asociación de Veciños.
O magosto celebrouse ao aire libre, no campo da festa de Forzáns, e a presenza de público superou amplamente as previsións máis optimistas, segundo informan desde a organización.
De tal modo que, por primeira vez nos últimos 15 anos, esgotáronse todas as existencias, incluídas as rosquillas dun posto instalado pola Comisión de Festas de Mirón, que tamén quedaron sin mercancía.
As castañas que se degustaron foron recollidas polos veciños nos soutos da parroquia, e o menú completouse con chourizos asados con pan e café con leite.
A velada estivo amenizada pola música da agrupación local de cantareiras de Forzáns. A xornada pechouse cunha tirada de fogos de lucería e serviu de homenaxe por parte da Asociación Cultural O Torreiro e a Asociación de Veciños aos socios e residentes nesta parroquia que ao longo deste período de pandemia foron falecendo por diversas causas.